O persoal de Cespa-Ferrovial de Pontevedra convoca protestas tras a ruptura das negociacións do convenio

Os traballadores/as da concesionaria municipal da recollida do lixo e da limpeza viaria desenvolverán concentracións e non descartan ir á folga
Vigo - 13 Out 2016
O comité de Cespa-Ferrovial de Pontevedra (UGT, CIG, CCOO e USO) vén de romper as negociacións do convenio que regula as condicións laborais dos preto de 125 traballadores/as da recollida do lixo, limpeza viaria e dos colexios e instalacións municipais. O persoal da concesionaria municipal, que rexeita as propostas da dirección, desenvolverá mobilizacións e non descarta a convocatoria de folga a partir de decembro.

Tras varios anos de conxelación salarial e de non incorporar ningunha mellora social, a representación dos traballadores/as encarou a negociación co obxectivo de lograr a recuperación económica, mais as ofertas da empresa supoñen na práctica a manter a conxelación salarial, así como o recorte e a perda de dereitos que xa estaban consolidados en convenios anteriores.

Ao mesmo tempo, dende o comité denuncian que a excesiva carga de traballo que soportan os empregados/as tras varios anos sen case contratación e como consecuencia das malas condicións nas que se atopa a maquinaria “está a afectar á calidade do servizo que se presta aos cidadáns”.

Unha vez rotas as conversas, o pasado 7 de outubro os traballadores/as decidiron en asemblea convocar unha concentración para o vindeiro xoves 3 de novembro diante das oficinas na empresa, na rúa Andrés Muruais, ás 12.00 horas. As mobilizacións terán continuidade o 3 de decembro, data na que hai convocada unha nova concentración no mesmo lugar e á mesma hora.

No caso de que as protestas non fagan avanzar as negociación, o cadro de persoal de Cespa-Ferrovial de Pontevedra non descarta convocar folga a partir do mes de decembro.