O persoal de Celsa Atlantic rexeita o calendario laboral imposto pola empresa que incrementa a flexibilidade horaria

O Comité denuncia que a empresa organiza os horarios sen ter en conta o ERTE vixente nin o número actual de traballadores/as
A Coruña - 10 Feb 2016
Un grupo de traballadores/as de Celsa Atlantic concentráronse este mércores ás portas do SMAC da Coruña con motivo da celebración do acto de conciliación polo conflito colectivo que teñen presentado contra o calendario laboral imposto pola empresa para este 2016. Unha conciliación que rematou sen avinza.

O calendario laboral, denuncia o presidente do Comité, Antonio Rodríguez (CIG), suporá incrementar a flexibilidade horaria, traballar máis horas e recortar os descansos, sen que se garanta sequera a cobertura das necesidades produtivas da fábrica. Neste senso, Rodríguez lembra que o persoal ten vixente un expediente de regulación temporal até setembro que a empresa “non tivo para nada en conta á hora de facer os calendarios”.

A representación social entende que o calendario proposto por Celsa non se adapta á situación do cadro de persoal, ao pretender a cobertura das necesidades dunha produción que non se pode realizar co número de traballadores/as actuais. Para corrixir estas carencias “o que fai a empresa é sobrecargarnos con máis días de traballo e menos de descanso”.

O calendario segue a liña do estabelecido o pasado exercicio e que provocou “máis absentismo, baixas e accidentes laborais. E non estamos dispostos a seguir por ese camiño”, afirma Rodríguez.  Neste sentido, o Presidente do Comité destacou o total desacordo do persoal con estes horarios, que se suma ao malestar xerado pola deterioro paulatino das condicións laborais e a conxelación salarial sufrida nos últimos anos. 

Engade Rodríguez que a parte social propuxo un calendario alternativo adaptado ás condicións actuais da fábrica, organizado en cinco equipos (e non os seis que formula a dirección), que permitiría copar a capacidade de produción esixida e ao mesmo tempo garante a cobertura das ausencias que se poidan producir, permitiría “sacar as dúas subcontratas que dende hai uns meses están a realizar traballos na fábrica e mesmo dedicar tempo á formación dos traballadores e traballadoras”. Materia da que, sinala, hai graves carencias na fábrica.

A proposta está baseada nun calendario e na organización do traballo que había na planta da Laracha uns anos atrás “e que deu o máximo rendemento e a mellor produción”. “Entendemos que esa é a liña que temos que seguir”.

Sobre as dúas empresas subcontratadas (ao tempo que está vixente o ERTE), o Presidente do Comité apuntou que esta situación xa foi denunciada na Inspección de Traballo e estase á espera de súa actuación.