• 18-05-21 ProtestaDiscriminacionSalarialBorgWarnerVigo01.jpeg
  • 18-05-21 ProtestaDiscriminacionSalarialBorgWarnerVigo02.jpeg
  • 18-05-21 ProtestaDiscriminacionSalarialBorgWarnerVigo03.jpeg
  • 18-05-21 ProtestaDiscriminacionSalarialBorgWarnerVigo04.jpeg

O cadro de persoal de BorgWarner rebélase contra o plan de incentivos imposto pola dirección

Os traballadores/as iniciaron protestas diante da empresa en Vigo contra a discriminación salarial

Vigo -

As seccións sindicais da CIG, USO, CGT e CCOO de BorgWarner Emissions Systems Spain, con sede na estrada de Zamáns, en Vigo, veñen de iniciar un calendario de mobilizacións contra a decisión da empresa de impoñer un plan de incentivos que afondará na discriminación salarial do cadro de persoal.

Segundo explican dende a representación sindical, a decisión de comezar coas protestas tomouse despois de que a compañía tomase unilateralmente a decisión de implantar o plan -denominado Bonus EIP e integrado nun programa que deseña o grupo empresarial en todas as súas fábricas en base aos indicadores e resultados do ano 2017- e comunicase a súa entrada en vigor de xeito individual e só a parte dos traballadores/as. En concreto aos técnicos/as, uns 200 empregados/as, optando por deixar fóra deste plan de incentivos aos restantes 380 operarios/as do colexio de especialistas.

Entenden que o problema non e o plan en si, senón o feito de que sexa implantado agora en Vigo por primeira vez dende que BorgWarner mercou a empresa en 2010 e que se faga ás costas dos representantes legais dos traballadores/as (o comité está integrado por 17 representantes e configurado por UGT, USO, CIG, CGT, CSFI e CCOO.)

"O proceso foi feito cunha total ausencia de transparencia, até o punto de que non informaron o comité nin antes nin despois de levar adiante un incentivo que non está recollido no convenio vixente (2016-2019)". Ademais, consideran que o feito de que só se lle aplique a unha parte do persoal "é algo insólito que amosa unha clara discriminación de oportunidades e trato entre traballadores/as, provoca desigualdades e racha coas mensaxes lanzadas dende a dirección no sentido de que todos/as somos un, de que debemos de estar todos/as unidos/as, etc". De feito, lembran que este mesmo plan de incentivos foi aplicado polo grupo en outras plantas, onde foi repartido entre todo o persoal.

Incrementar as mobilizacións

Por todo isto, as catro seccións sindicais (CIG, USO, CGT e CCOO) desenvolveron asembleas informativas cos traballadores/as para informar sobre a decisión da empresa e acordaron levar a cabo nun primeiro momento concentracións diante da empresa  coincidindo coa hora do bocadillo nas quendas de mañá e tarde. As protestas comezaron o pasado 15 de maio e rexistraron unha participación masiva.

Mais ante a pasividade que amosada pola dirección, "que non alcanza a entender que o xeito de implantar o plan e a total ausencia de información non e aceptada polo conxunto de operarios/as", decidiron incrementar gradualmente as mobilizacións esta semana, iniciando cunha concentración hoxe luns diante da empresa dende as 13:00 até as 14:30 horas.  

Volver