O persoal de BorgWarner chega a un acordo coa dirección para renovar o convenio colectivo

O texto, que terá unha vixencia de 4 anos, foi ratificado en asemblea polos traballadores/as da empresa de componentes da automoción viguesa
Vigo - 12 Set 2016
O cadro de persoal de BorgWarner, empresa de componentes da automoció con sede en Vigo, aprobou este sábado en asemblea o preacordo alcanzado entre o comité e a dirección para renovar o convenio colectivo. O texto, que terá unha vixencia de catro anos, contempla un incremento salarial de 400 euros anuais, a realización de 40 contratos indefinidos no colexio de especialistas e non cialificados/as e a desaparición da categoría de nova entrada.

Segundo explican dende o comité de BorgWarner (CIG, UGT, USO, CGT, CCOO e CSIF), o acordo coa empresa foi ratificado este sábado día 10 en asemblea por 374 votos a favor, 30 en contra, sete en branco e dous nulos.

Na consulta participaron un total de 413 dos 598 traballadores/as da compañía que fabrica componentes para o sector da automoción. O preacordo coa compañía alcanzárase o pasado día 2 tras máis de 40 xuntanzas e despois de que os empregados/as fixesen pública a súa intención de convocar unha folga.

Unha vez asinado o acordo, o convenio colectivo terá unha duración de catro anos e contempla un incremento salarial lineal de 400 euros anuais a aplicar sobre o salario base para o conxunto do cadro de persoal. Entre os principais aspectos que a parte social logrou incorporar ao texto figura a realización de 40 contratos indefinidos no colexio de especialistas e non cualificados/as, ademais de establecerse que o 70% da contratación deberá ser indefinida e o 4% deberá corresponder a persoas con discapacidade. Ao mesmo tempo, o persoal de BorgWarner logrou a retirada da categoría de nova entrada na empresa, polo que o persoal eventual parasará a cobrar igual que indefinido nun prazo máximo de tres anos.

En canto ao complemento por cantidade de traballo, pasa a ser de importe fixo co máximo da prima de produción. No colexio de técnicos/as e administrativos/as establécese un complemento por produtividade dun máximo de 600 euros anuais para todos/as aqueles/as que cobren menos de 30.000 euros ao ano. Outra das melloras que se introducen no convenio é o dereito a dous días laborábeis por asuntos propios por ano natural para todos os traballadores/as.

No que respecta ás baixas por enfermidade ou accidente, no colexio de especialistas a prestación da incapacidade temporal complementarase ao 100% da base reguladora dende o primeiro día de baixa. Ademais, o seguro colectivo fixa unha indemnización de 28.000 euros por enfermidade profesional ou accidente laboral con resultado de invalidez permanente en grao parcial.

Finalmente, a empresa renuncia a utilizar a distribución irregular da xornada laboral e a aplicar a causa de despido por razóns obxectivas que figura no artigo 52 d/ do Estatuto dos Traballadores/as durante a vixencia do presente convenio colectivo.