O persoal de Atento secunda masivamente a xornada de folga de 24 horas

O comité acordou incrementar as medidas de presión ante a falta de negociación coa empresa

A Coruña -

As traballadoras e os traballadores de Atento están secundando de xeito masivo a folga de 24 horas convocada este luns para esixir da empresa que sente negociar a táboa reivindicativa. Deste xeito, o persoal intensifica os paros laborais de unha hora por quenda que se veñen realizando dende o pasado 28 de maio na plataforma da Coruña, en rexeitamento aos despedimentos, as presións, ameazas e sancións inxustificadas e contra  das coaccións exercidas pola mutua para que as traballadoras e traballadores acurten as súas baixas.

A sección sindical da CIG en Atento subliña que a folga, que se desenvolve  dende as 00 até as 24 horas deste luns, está tendo un amplísimo seguimento, o que demostra “que o persoal está farto” das políticas represivas da empresa e da falta de medidas que permitan desenvolver o traballo en condicións dignas. De feito, sinala Mónica Carrodeguas, secretaria do comité e delegada da CIG, a incidencia do paro está sendo moi importante incluso en departamentos que habitualmente son pouco dados á mobilización.

Porén, denuncia que a empresa continúa sen sentar a negociar a táboa reivindicativa trasladada polo comité, desoíndo os traballadores e traballadoras e amosando un nulo interese por resolver os problemas. Neste senso, lembra que dende a reunión do pasado 6 de xuño coa xerente de recursos humanos non houbo máis xuntanzas coa dirección. “O xoves pola tarde, a empresa amagou cunha reunión, pero sen darnos marxe real e cando sabía da ausencia dunha parte dos membros do comité. Emprazámola a unha xuntanza convocada en tempo e forma, pero non nos contestaron”, explica Carrodeguas.

Presións, sancións e control excesivo

Entre outros puntos, o comité demanda que rematen os despedimentos que cada pouco se producen na empresa; o cese da política de presións e as continuas ameazas sobre os traballadores e as traballadoras e que teñen especial incidencia no departamento Gran Público; limitar o control excesivo e continuo da xestión do desempeño “co que só buscan sancionar o persoal”; ou corrixir a “pésima” xestión das vacacións, posto que non garanten o seu goce no período de verán, “ameazando coa asignación a dedo e de xeito unilateral por parte da empresa”.

Ao tempo, a representación social pide que se poñan fin ás presións que exercer a mutua sobre o persoal enfermo para que curte as baixas.

As mobilizacións continuarán o vindeiro luns

Así as cousas, acordou estender a folga este luns durante toda a xornada laboral para deixarlle claro á empresa que “basta xa, queremos traballar con dignidade. As presións, ameazas e malos modos deben parar xa, queremos vir traballar sans/ás e non enfermos/as  e ameazados/as pola mutua”. De non producírense avances, as mobilizacións continuarán o vindeiro luns con novas xornadas de paros e concentracións.

Volver