O persoal de Atento responde cunha xornada de paros á imposición dos cambios laborais

A empresa comezou a aplicar este luns a modificación substancial das condicións de traballo
A Coruña - 14 Nov 2016

As traballadoras e traballadores de Atento na Coruña están secundando paros de dúas horas por quenda laboral en resposta á imposición por parte da empresa dunha modificación substancial da condicións de traballo para o persoal de atención ao 1004. Os paros realízanse de 00:00 a 02:00 horas, de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas.

Coincidindo coas horas dos paros diúrnos (convocados polo Comité), as traballadoras e traballadores están a desenvolver concentracións diante das oficinas que Atento ten na céntrica rúa Juan Flórez.

Dende a Sección Sindical da CIG reiteran que non hai causa para aplicar esta modificación substancial que hoxe comezou a impor Atento, polo que a central nacionalista presentará recurso contra a mesma. Lembran que na maioría dos casos os cambios afectan a persoal con redución de xornada para coidado de crianzas e con concreción horaria.

A este respecto, denuncian a mala fe coa que está a actuar a empresa e as manobras "chantaxistas" para executar esta modificación. De igual xeito, acusan a Atento e Telefónica de actuar en conivencia xa que, ao tempo que a multinacional ordena un recorte do horario de atención ao/á cliente do 1004, "está deslocalizando o servizo a Colombia".