O persoal de atención telefónica do 061 volverá á folga o 21 de xaneiro

En resposta ao incumprimento por parte de Grupo Norte dos acordos polo traslado á Estrada
Santiago - 28 Dec 2018

As traballadoras e os traballadores do servizo de atención telefónica do 061 volverán á folga o vindeiro 21 de xaneiro en resposta aos incumprimentos salariais e laborais por parte da empresa concesionaria, Grupo Norte. A decisión foi adoptada na asemblea celebrada este mércores  que tamén aprobou levar adiante outras medidas de presión para esixir o pago dos pluses de compensación polo traslado do centro de traballo á Estrada.

Grupo Norte anunciou a pasada semana, no marco dunha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais, que vai suspender o pago dos pluses acordados no laudo que puxo fin ao conflito derivado do traslado á Estrada. Este incumprimento súmase á decisión unilateral da empresa de reducir os pagos de incentivos en decembro de 2017 do 7,5% ao 5% da masa salarial e o incumprimento das cláusulas sociais ofertadas no concurso no que gañou a concesión.

Diante desta situación, o persoal acordou, ademais da convocatoria de folga, que a partir deste sábado se traballará seguindo escrupulosamente os protocolos e que se vai cumprir cos descansos legalmente establecidos, incluídos os correspondentes nas quendas de noite. Cómpre ter en conta que a realización de tarefas non rexistradas no protocolo permite axilizar as resolucións das urxencias, pero desprotexe o cadro de persoal ante calquera incidencia,  pois non estarían actuando segundo as directrices establecidas.

Reunión no AGA o día 15

Antes da folga, o 15 de xaneiro, está prevista unha nova reunión no marco do AGA que, segundo explica o asesor da CIG, Renato Núñez, fora solicitada por decisión do comité -conformado por CIG, CUT e USO- debido aos atrasos acumulados no cumprimento do mencionado laudo. "En vez de avanzar no cumprimento dos acordos, Grupo Norte afonda no conflito laboral", denuncia.

Neste senso, Núñez lembra tamén que Consellaría de Sanidade foi condenada por ter decretado uns servizos mínimos abusivos do 100% e agarda que, desta volta, a administración faga posíbel unha folga real na que o persoal non teña a obriga de ir traballar.