O persoal de ambulancias segue en loita por un convenio digno e reclama a intervención da Xunta

A cuarta xornada de folga rexistra un seguimento maioritario

Nacional -

A loita do persoal de ambulancias por un convenio digno chega este xoves a súa cuarta xornada (o segundo día consecutivo neste mes de xuño) cun seguimento maioritario e con mobilizacións nas diferentes áreas sanitarias. A folga, convocada pola CIG, terá continuidade o vindeiro mes de xullo e, de non producírense avances por parte da patronal, os paros continuarán no mes de setembro. 

As razóns da folga? Dúas fundamentais: a sinatura do convenio colectivo, que está en negociación dende hai máis de dous anos sen que produzan avances por mor do bloqueo da patronal; e a mediación da Consellaría de Sanidade que, "sendo protagonista da situación do sector, está completamente desaparecida".

Así resumía o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, as reivindicacións do persoal de ambulancias, denunciando a actitude da patronal que non só se nega a avanzar na negociación, senón que pretende introducir recortes salariais neste convenio, argumentando que os contratos non lles chegan para cubrir gastos.

Medran os servizos pero non os cadros de persoal

Neste senso, Pastoriza apuntou á responsabilidade da Xunta no conflito do transporte sanitario, xa que no seu momento aceptou ofertas por debaixo de convenio. "A Consellaría puxo por diante o aforro económico antes que o servizo á cidadanía e agora non pode ser que administración e empresas pretendan que sexan os traballadores e as traballadoras quen paguen esas rebaixa económica", afirma.

"Dende a CIG, engadiu, xa dixemos dende o primeiro minuto que non íamos asumir ningún recorte". Pola contra, na plataforma de convenio contémplanse unha serie de medidas para reverter a precarización e o deterioro das condicións no sector: subida salarial, incorporación da terceira paga extraordinaria, limitar a contratación en prácticas e a transformación deste persoal en indefinido ou a loita contra o exceso de xornada.

Sobre este punto, Pastoriza explicou que nos dous últimos anos os cadros de persoal e as ambulancias non se incrementaron mentres que o número de servizos a realizar medraba nun 20%, "provocando que a carga de traballo que hai sexa inabarcábel". "Esta situación querémola combater por dúas vías: anulando as horas extraordinarias e mellorando a prevención de riscos laborais", matizou.

O sector seguirá pelexando

No relativo ás conversas coa patronal, o sindicalista sinalou que o pasado mes houbo contactos telefónicos na procura de retomar a negociación, "pero de momento non contestaron nada".

O responsábel de Transportes destacou o amplísimo seguimento que está a ter o calendario de folgas convocadas pola CIG -que foi aprobado de xeito unánime polas asembleas de persoal-, a pesar do abusivo decreto de servizos mínimos imposto pola Xunta, que acada o 75% da actividade. "O sector está pelexando, e a pesar dos servizos mínimos impostos pola administración e do boicot da patronal e de UGT e CCOO a este convenio, seguiremos na rúa defendendo unhas condicións de traballo dignas e que se dea un servizo público de calidade", aseverou.

Mobilizacións nas diferentes áreas

Para visibilizar a súa loita, o persoal realizou accións de protesta nas diferentes áreas sanitarias. No caso da Coruña e Pontevedra, as traballadoras e traballadores participaron coas súas faixas reivindicativas nas mobilizacións que a CIG tiña convocadas no marco da campaña axitativa de cara á xornada do 19 de xuño.

Volver