O persoal de ambulancias da área da Compostela segue coas mobilizacións pola sinatura do convenio

Ambuibérica segue ameazando aos seus traballadores e traballadoras cunha rebaixa salarial do 25%
Compostela - 31 Out 2018

Traballadores/as do sector de ambulancias da área sanitaria de Santiago mobilizáronse novamente esta mañá en demanda da negociación e sinatura do convenio colectivo, paralizado desde hai case tres anos. A eles sumáronse representantes dos servizos de emerxencias en conflito, como o 061, o 112 e persoal de PACs “en loita”.

A mobilización arrincou cunha concentración diante da entrada principal do Hospital Clínico de Santiago, desde onde saíron en manifestación rodeando o centro hospitalario para concentrarse á porta da entrada de Urxencias.

Ao seu remate, representantes do persoal dos servizos de emerxencias como Alexis Rei, do 061, e Isabel Moares, do 112, coincidiron en denunciar que as privatizacións de servizos públicos esenciais da consellaría de sanidade están provocando un deterioro do propio servizo público, alén da precarización das condicións laborais do seu persoal. Xunto a iso manifestaron a necesidade de sumar esforzos, entre os diversos colectivos afectados por estas políticas, para rematar con esa situación.

Asunción de responsabilidades

Por iso, neste mesmo sentido, o representante da FGAMT-CIG, Inácio Pavón, reclamou máis unha vez, que a administración asuma a súa responsabilidade nun concurso no que levaron ao sector de ambulancias ao colapso por telo outorgado por debaixo do seu custo real, o que derivou nun bloqueo da negociación colectiva que dura xa 3 anos.

Pavón denunciou ademais que a empresa que ten a maioría das concesións da Área Sanitaria de Compostela, Ambuibérica, segue ameazando con rebaixar os salarios un 25%.

O representante da CIG adiantou que o vindeiro día 13 de novembro está prevista a celebración dunha xuntanza da mesa do convenio colectivo. En todo caso advertiu que o persoal manterase vixiante para seguir presionando á patronal e á administración para que se garantan unhas condicións laborais dignas no sector.

Esta mobilización insírese, como as anteriores,  no marco das mobilizacións que se veñen desenvolvendo desde hai meses nas distintas áreas sanitarias.