O persoal de Alonarti desconvoca a folga tras lograr a readmisión do compañeiro despedido

O empregado manterá condicións laborais e antigüidade, mais será trasladado a outro centro de traballo
Vigo - 24 Xan 2017

O cadro de persoal de Alonarti Envases, empresa dedicada á fabricación de envases para a industria farmacéutica e cosmética con sede no Porriño, decidiu onte en asemblea desconvocar a folga indefinida iniciada o pasado martes contra o despido dun compañeiro despois de que a dirección accedese a readmitilo. Dende a CIG sinalan que a unidade e a solidariedade dos traballadores/as, que secundaron masivamente o paro, foi fundamental para a resolución do conflito.

O acordo entre a empresa e o comité (presidido pola CIG) foi posíbel despois de sete días de folga indefinida cun seguimento da totalidade dos traballadores/as de fábrica. A central decidiu convocar o paro en resposta ao despedimento dun afiliado “co que a empresa buscaba amedrentar o persoal de cara á inminente negociación do novo convenio colectivo”.

Unha vez que a compañía cedeu e anunciou a súa intención de readmitilo, os empregados/as decidiron nunha asemblea celebrada ás 14.30 horas que abandonarían a protesta ás 22.30 horas. Deste xeito, os traballadores/as da quenda de noite xa se presentaron no seu posto tras unha semana de ausencia na que permaneceron concentrados/as diante das instalacións situadas no polígono porriñés das Gándaras.

Ao empregado readimitido respectaránselle tanto as condicións laborais como a antigüidade, aínda que será trasladado de mutuo acordo a outro dos centros de traballo do grupo, que ademais se atopa máis preto do seu domicilio. A desconvocatoria de folga produciuse despois de que o comité asinase un preacordo coa dirección que posteriormente foi ratificado polos traballadores/as en asemblea.