O persoal de Alcoa pídelle ao Goberno que solicite a inmediata retirada do ERE

A CIG reitera a necesidade de crear unha tarifa industrial xusta e estábel
A Coruña - 31 Out 2018

Representantes dos traballadores de Alcoa asistiron este mércores en Madrid á sesión de control ao Goberno, na que se debateu unha proposición non de lei de apoio á loita contra o peche das fábricas e durante a que se preguntou á ministra de Industria polas xestións que o Executivo español está a realizar para garantir a continuidade dos empregos e a actividade na produción de aluminio.

Nos corredores do Congreso dos/as deputados/as, a representación social mantivo un encontro informal coa ministra, quen informou da existencia de compañías interesadas en adquirir as fábricas ameazadas polo peche, aínda que até o momento non hai ningunha opción firme. Dende a parte social reclamóuselle á ministra que solicite a paralización inmediata de ERE de extinción para garantir a continuidade da produción industrial.

A representación social tamén mantivo xuntanzas coas diferentes forzas políticas con representación no Congreso.

O comité da Coruña non asiste á mesa do ERE

Precisamente, a multinacional pretendía iniciar na tarde deste mércores o período de consultas do ERE, aínda que a representación legal dos traballadores/as da fábrica da Coruña non asistiu á mesa, xa que entenden que se trata de dous centros de traballo distintos con cadanseu comité e, polo tanto, corresponde negociar o expediente en cada unha das plantas afectadas, na Coruña e Avilés.

A representación da CIG en Alcoa Inespal rexeita os argumentos defendidos pola empresa a respecto do prezo da materia prima (por ser unha conxuntural) e a falta de modernización da fábrica (punto que negan) e pon o foco de atención sobre unha cuestión determinante: o prezo da enerxía, que nunha industria deste tipo supón até o 40% dos custes totais de produción. "A fábrica da Coruña é viábel e ten futuro, pero precisamos uns prezos da enerxía competitivos", afirman.

Tarifa industrial estábel

Porén, no encontro de hoxe coa ministra de Industria nos corredores do Congreso non se puxo esta cuestión enriba da mesa nin parece que se vaia abordar unha reforma a curto prazo do sistema eléctrico de cara a crear un marco estábel.

Neste senso, lembran que a CIG levou ao Parlamento Galego unha ILP para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética, que contemplaba a creación dunha tarifa eléctrica máis baixa para a industria e os fogares galegos, atendendo a condición de Galiza como produtora e exportadora de enerxía, que asume os custes ambientais e sociais desta actividade sen beneficio ningún a cambio. A iniciativa foi aprobada por unanimidade da Cámara, mais na súa tramitación o PP baleirouna de contido, cualificándoa de separatista e baleirouna de contido para reconvertela nunha lei pola eficiencia enerxética.

A central vén de trasladar agora a gobernos e patronal unha proposta para a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas electrointensivas -como Alcoa- baixo o cumprimento dunha serie de requisitos e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía.

Pero a cambio de poder acollerse a esta tarifa rebaixada, as empresas terán a obriga de realizar inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo, evitando así medidas como a anunciada por Alcoa, que deixa no aire o futuro de 400 empregos nun sector estratéxico para o país, como o do aluminio.

As administracións teñen que intervir

"O que non se pode permitir é que veñan as multinacionais a facerse con empresas que foron públicas, practicamente regaladas, espreman todo o que poidan e cando xa non lles interesa, desmantelan as industrias e marchan para outro lado", aseveran os delegados da CIG en Alcoa. E insisten, "se Alcoa non quere as fábricas que as poña as venta ou ques e faga o Estado cargo delas nacionalizándoas. Pero as administración non poden consentir que pare a produción industrial nestas factorías porque o aluminio é un sector estratéxico para a economía do noso país".