O persoal de Alcoa mantén con pulso firme a loita na defensa dos empregos

Manteñen un piquete permanente na fábrica para evitar a saída dos camións co aluminio elaborado

A Coruña -

Os traballadores e as traballadoras de Alcoa continúan o calendario de mobilizacións contra o peche da factoría anunciado pola multinacional norteamericana. Como cada día, o persoal concentrouse dende ás 17 horas diante da porta de entrada á fábrica para esixir a retirada inmediata do expediente de despedimento colectivo e o mantemento dos preto de 400 empregos directos.

Os traballadores e as traballadoras teñen organizado un piquete permanente na explanada de acceso á fábrica para impedir a saída dos camións cargados de aluminio e todas as tardes, de luns a xoves, concéntranse na porta de acceso para visibilizar o seu total desacordo coa decisión da empresa e demandar das administracións "que exerzan toda a presión que faga falta" para evitar o peche e a destrución dos empregos.

Marcha a pé o día 29

O luns día 29 está programada unha marcha a pé dende Alcoa até a Delegación do Goberno, con saída ás 17:30 horas.

A protesta desta tarde producíase ao tempo que se reunían en Madrid representantes do Goberno español, a Xunta e o Principado asturiano cunha delegación sindical; encontro do que, por certo, a CIG quedou excluída, a pesar de ter a condición de sindicato máis representativo.

Dentro do calendario de mobilizacions previstas, durante a mañá deste mércores, o comité trasladarase até Santiago para acudir á sesión plenaria do Parlamento galego, na que se aprobará unha declaración institucional en defensa da continuidade da actividade e dos postos de traballo.

Necesidade dunha tarifa eléctrica propia

Julio Moskowich, delegado da CIG no comité, insiste na necesidade de mudar o actual marco regulador da electricidade e que se poña fin á constante incerteza que se vive nas industrias electrointensivas, "porque a pesar do que argumenta a empresa, o prezo da enerxía é o verdadeiro problema".

Neste senso, reclamou a retirada inmediata do ERE e a partir de aí comezar a negociar unha solución definitiva con todas as partes implicadas. "O prezo da enerxía no Estado español é unha cuestión política e polo tanto o que necesitamos son solucións políticas. Resulta inadmisíbel que nun país produtor como o noso, vexamos como pechan as empresas porque non teñen un prezo da electricidade competitivo", criticou.

Moskowich lembrou que a CIG leva anos defendendo a implantación dunha tarifa eléctrica galega, atendendo a nosa condición de país gran produtor e exportador de enerxía e para que a explotación dos nosos recursos reverta no desenvolvemento económico e industrial e na creación de emprego de calidade en Galiza. Con tal obxecto, a central nacionalista promoveu unha ILP que foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego, pero que o PP, na súa tramitación, baleirou de contido, rexeitando por "separatista" a posibilidade de que en Galiza haxa unha tarifa diferenciada máis barata -tal e como xa ocorre no País Vasco-.

Proposta da CIG

Nesta liña, a CIG vén de presentar unha proposta para a creación dunha tarifa industrial estábel, con variacións predicíbeis, á que se poidan acoller as empresas de grandes consumos baixo o cumprimento dunha serie de requisitos e que recoñeza o estatus específico deste tipo de industrias.

Unha regulación máis xusta e equitativa que racharía coa incerteza que provoca a poxa anual do actual sistema de interrompibilidade e que compromete o futuro e a viabilidade da nosa industria de base, como estamos a ver no caso de Alcoa.

O actual procedemento da demanda eléctrica supón unha sorte de "ruleta rusa" que fomenta a competencia desleal entre empresas, pon en cuestión os investimentos necesarios para a modernización das fábricas que teñen grande dependencia dos prezo da enerxía, e mesmo facilita procesos de peche de plantas ou redución de persoal coa escusa de ficar fóra dos baixos prezos por culpa da poxa.

Volver