O persoal de Alcoa irá á folga polo despedimento dun traballador e para demandar máis seguridade

Os paros serán o 1 e 2 de outubro e estarán acompañados doutras medidas de presión
San Cibrao - 24 Ago 2017

Os traballadores e as traballadoras de Alcoa irán á folga os días 1 e 2 de outubro para amosar o seu rotundo rexeitamento ao despedimento disciplinario dun compañeiro tras o grave accidente ocorrido na fábrica de San Cibrao o pasado 20 de xuño e demandar melloras reais nas medidas de prevención e seguridade. Así o acordaron en asemblea celebrada este martes, na que tamén se aprobou levar adiante outras medidas de protesta.

O comité considera que a decisión da empresa é "excesiva" por canto, "aínda que o traballador cometeu unha falta", a raíz do accidente no departamento de Dixestión está nunha "válvula fantasma" que non aparece en ningún plano e que fora aberta quince días antes para a realización dunhas probas. Esta válvula, subliña o presidente do comité, Xosé Paleo, foi a causante do condensado de vapor que provocou feridas graves a un traballador, tal e como se recolle no informe que o comité elaborou para a Inspección.

Dito informe tamén foi remitido ao vicepresidente de Alcoa, ao presidente de Alumina e ao presidente de Alcoa España, "sen ningún resultado". Paleo sinala que o Comité leva dous meses tentando dialogar coa empresa para evitar o despedimento do traballador, pois entenden que esta non é a solución aos problemas de prevención e seguridade que poida haber nas instalacións. Neste senso, lembrou que, pouco tempo antes, un operario faleceu noutro sinistro. Por iso, dende o comité consideran que a empresa está a utilizar ao traballador despedido como "cabeza de turco".

Nun comunicado conxunto, os distintos comités do complexo de Alcoa San Cibrao culpan destes accidentes á que a empresa prima a produtividade por enriba de calquera outra consideración, "en especial da seguridade". Denuncian que se está a traballar con menos persoal,  máis carga de traballo e á carta: "o que antes  se facía en 15 días a xornada normal e con 20 persoas, agora hai que facelo en 3 días, con 10 persoas, en xornadas de 16 horas ou máis".

Fronte a isto, esixen á dirección "que deixe de arriscar a vida dos traballadores e traballadoras para producir o aluminio un céntimo máis barato".

Marcha a Celeiro

Durante a asemblea do pasado martes, tamén se aprobou crear unha caixa de resistencia para axudar ao traballador despedido e realizar unha marcha até o edificio da Seguridade Social de Celeiro. Alí teñen previsto entregar un escrito denunciando a falta de seguridade en Alcoa, no relativo á realización de xornadas de 24 horas, a aplicación da mobilidade funcional poñendo en risco os /as traballadores/as ou a auto-formación a través de POT.

Xunto a isto decidiuse manter as medidas de presión que xa viñan aplicando: non realizar horas extraordinarias (agás as de forza maior), non facer cambios de quenda a petición da empresa, non asinar formación que non se realice, non facer superior nivel voluntario nin funcións de líder, non asinar permisos de aceso nin ordes de traballo se non se é mando, e cumprir as normas e procedementos ao 100%.