O persoal de Albada, refén das desavinzas entre Urbaser e o Concello da Coruña

Emprazan a empresa e o Goberno local a acordar a data de remate da concesión para avanzar no convenio
A Coruña - 11 Mai 2018

Dende o ano 2012, os traballadores e as traballadoras da planta de tratamento de residuos urbanos de Nostián (A Coruña) sufriron o roubo dos seus dereitos salariais e laborais. Amparándose na manida escusa da crise e dunhas supostas perdas, a empresa adxudicataria, Albada (filial de Urbaser), aplicou recortes no cadro de persoal, salarios e condicións e agora que toca negociar o novo convenio colectivo, a dirección pretende impor un novo machadazo na partida de persoal "para que sexamos os traballadores e as traballadoras quen paguemos as consecuencias da súa mala xestión e dos conflitos que mantén co Concello da Coruña".

A empresa pretende que sexamos os traballadores e as traballadoras quen paguemos a súa mala xestión"

Así o denunciaba Hadrián Canosa, representante do persoal pola CIG, na rolda de prensa que o comité ofreceu esta mañá para esixir da adxudicataria e do Goberno municipal que se poñan de acordo na data de caducidade da concesión, que se está a converter no novo campo de batalla entre ambas. Dunha banda, Albada-Urbaser sostén que o contrato ten vixencia até xaneiro de 2019, mentres que o Concello entende que a concesión non finaliza até un ano despois, en 2020.

Desavinzas entre empresa e Concello

Neste senso, Canosa subliñou o contraditorio destas posturas, cando hai uns anos Albada mantiña que a concesión remataba no 2021, mentres que o Concello a situaba no ano 2019. Esta nova loita entre concesionaria e titular, "e xa van unhas cantas", deixa o persoal da planta de Nostián nunha situación complexa, facéndoo refén das desavinzas entre Urbaser e a administración local. "Ante tal desatino pretenden que sexamos os traballadores e as traballadoras quen paguemos os custes", advirte.

Por iso, dende o comité instan a empresa e o Concello a que se senten negociar e aclaren dunha vez cando remata a concesión "para que poidamos avanzar na recuperación dos nosos dereitos. Clarificar a data é primordial para que ambas partes poidamos fixar posturas e avanzar na negociación do convenio colectivo".

O modelo de xestión privada da planta de Nostián pon os cartos públicos en mans especuladoras que nin sequera teñen a sede no noso país"

A representación social considera un "insulto" que Urbaser envíe a un negociador dende Madrid cunha proposta que contempla, segundo os cálculos da empresa, unha rebaixa na partida de persoal do 25%, mais que segundo as contas do comité elevaríase até un 40% por cada traballador e traballadora.

Cartos públicos en "mans especuladoras"

Canosa referiuse ao modelo de xestión privatizada escollido para a planta de Nostián, "que pon os cartos públicos en mans especuladoras que nin sequera teñen a sede no noso país". Pero ademais, engade, esta xestión privada nin sequera foi capaz en 20 anos de acadar as cotas de reciclaxe esixidas no prego de condicións, que non permite máis dun 35% de rexeitamento, "cando na actualidade estamos nun 55%".

"Queda claro que a xestión privada empeora á pública, polo que solicitamos do Concello non só que remate coa concesión a Albada, senón que remunicipalice o servizo como están a facer outros municipios da contorna", aseverou.

A próxima reunión coa empresa, a finais de maio

Dende o comité explicaron que a próxima reunión coa empresa está fixada para o 30 de maio, polo que agardan que antes desa data Albada e o Concello senten negociar e concreten a vixencia do contrato. "E se fai falta, nós non teríamos problemas en acudir a esa reunión", apuntaron.

Ao tempo, adiantaron que se a concesionaria continúa na súa teima de recortar dereitos e salarios no convenio, o persoal está disposto a iniciar mobilizacións e non descarta ningunha medida de presión.