O persoal de Abai leva a súa defensa do emprego até o Obeslico na 2ª xornada de folga contra o ERTE

A Coruña - 19 Xun 2023

Coincidindo coa segunda xornada de folga, traballadoras e traballadoras de ABAI concentráronse na tarde deste luns no Obelisco da Coruña para manifestar o seu total rexeitamento ao expediente de regulación de emprego que a empresa quere impor e que afectará a 70 persoas no centro de traballo de Galiza.

No acto de protesta despregáronse cartaces con letras que xuntas formaban a consigna "Non ao ERTE en Abai, Movistar culpábel", coa que o persoal quere evidenciar a responsabilidade tanto da empresa do sector dos centros de chamadas como da multinacional das telecomunicacións.

A folga, ao igual que na xornada anterior, está rexistrando unha participación do 90% do persoal. Un seguimento que para o delegado da CIG, Julián Pérez, remarca aínda máis o rexeitamento do persoal da plataforma da Coruña a este ERTE, para o que a empresa non acreditou ningunha das causas coas que pretende xustificar o expediente.

Critica  postura inmobilista de Abai nas negociacións e avanza que a CIG non vai aceptar esta medida. "A posición da CIG é moi clara, hai traballo para todo o persoal, non sobra ninguén e así llo trasladaremos é empresa na reunión do mércores", data na que remata o período de consultas

Esta falta de movementos indica que non haberá acordo e neste sento, Pérez subliña que "intentaremos por todos os medios que a empresa non aplique o ERTE, e de facelo iremos aos xulgados".

 Abai alude a unha suposta baixada na carga de traballo, principalmente na campaña de Movistar para xustificar o ERTE, pero dende o comité rexeitan este argumento tendo en conta que a empresa está solicitando ao persoal ampliacións temporais de xornada e denegando vacacións.