O persoal das auxiliares avisa: haberá folga se a patronal non asume o pago dos acordos e a súa incorporación no convenio

Retómanse as mobilizacións de cara ás reunións coas empresas do naval e a patronal provincial do metal

Ferrol -

Delegados e delegadas da industria auxiliar de Navantia volvían concentrarse este xoves diante das portas do estaleiro ferrolá para esixir as empresas pasos firmes para garantir dunha vez a aplicación dos acordos de 2001. E lanzaban unha advertencia, se non se procede ao pago inmediato dos acordos salariais e non se incorporan ao texto do convenio provincial, retomarase a folga que o pasado outono mantivo paralizado ao sector durante 22 días.

A concentración forma parte das medidas de presión acordadas o pasado martes na reunión dos delegados e delegadas das auxiliares, o comité de Navantia e as organizacións sindicais, de cara a preparar o encontro coa patronal provincial do metal que terá lugar o vindeiro 18 de setembro no Consello Galego de Relacións Laborais, para falar sobre os acordos de 2001.

A presión máis efectiva para que a patronal provincial acepte a incorporación no convenio do metal é que as empresas comecen a pagar os acordos a todas e todos os traballadores"

Importancia de pagar xa os acordos

Días antes, o martes 11, haberá unha xuntanza coas empresas auxiliares do naval de Ferrol, na que as centrais sindicais esixirán o pago inmediato dos incrementos salariais, pois as empresas que traballan dentro Navantia din estar a favor da suba, pero escúsase en que abonarán os acordos cando se publiquen no convenio provincial.

A este respecto, o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, insiste en que os acordos tratados na mesa do naval hainos que pagar xa, con independencia de se a patronal provincial acepta metelos en convenio ou non. Para a central nacionalista esta cuestión é fundamental, polo que na reunión do martes esixiralle ás empresas do sector que cumpran de inmediato co que teñen aprobado e comecen a pagar. "Non valen as escusas, se queren pagar que o fagan dende xa", afirma.

De feito, engade, "a presión máis efectiva para que as empresas auxiliares e Navantia se movan dentro das patronais para que estas finalmente acepten incluír os acordos no convenio provincial, é que estas mesmas empresas comecen a pagar os acordos a todas e todos os traballadores".

Subliña que a incorporación dos acordos no articulado do convenio do metal é a maneira de dotalos de eficacia normativa, evitando así a inaplicación unilateral destes por parte das empresas (tal e como aconteceu nos últimos anos), as situacións de competencia desleal que se dan entre as compañías -tirando á baixa os custes a conta dos salarios- e que, pola eventualidade que caracteriza ao sector, os traballadores e traballadoras teñan que estar negociando o seu soldo cada vez que entrar nunha nova empresa.

Porén, a CIG-Industria entende que o empresariado ou a propia Navantia non van facer ningunha presión real nas patronais para meter os acordos no convenio, "mentres non os teñan que pagar". De aí que reiteren a necesidade de abonar xa os acordos.

Asembleas do persoal para avaliar os seguintes pasos

Á concentración deste xoves seguiranlle outras mobilizacións nos próximos días. Ademais, do resultado das xuntanzas coa patronal, os traballadores e as traballadoras serán informadas en asemblea xerais a celebrar nos dous estaleiros e nas mesmas decidiranse as medidas a tomar, entre as que non se descarta a convocatoria de folga na industria auxiliar.

A CIG propuxo realizar asembleas previas nos dous estaleiros porque é fundamental que o persoal estea informado e, sobre todo, que teña a oportunidade de opinar e decidir"

A este respecto, a CIG-Industria defendeu na xuntanza do pasado martes a necesidade de realizar asembleas no estaleiros de Fene e Ferrol con todos os traballadores e as traballadoras das auxiliares antes da concentración-rolda de prensa de onte, porque "en moitas das empresas non hai representación sindical". "Para nós resulta fundamental que o persoal estea informado e sobre todo, que teña a oportunidade de opinar e decidir o que se quere facer", asevera.

Hai que lembrar que en outubro do ano pasado a CIG (en resposta ao aprobado polas asembleas do persoal) convocou unha folga en demanda a aplicación dos acordos, que, a pesar das ameazas e intentos de boicot, mantivo paralizado o sector durante 22 días. Unha folga na que os traballadores e traballadoras deron toda unha mostra de forza, unidade e determinación pola recuperación do seus dereitos.

Volver