O persoal da Xunta mobilízase contra o “decretazo de listas” e pola recuperación de dereitos dos interinos

Traballadoras e traballadores temporais participaron nas concentracións e no paro dunha hora convocado este martes diante dos centros de traballo da Administración autonómica
Nacional - 23 Xun 2026

Traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza participaron esta mañá nas concentracións convocadas pola CIG-Administración Autonómica diante dos centros de traballo de toda Galiza, coincidindo co paro dunha hora desenvolvido entre as 11:00 e as 12:00 horas, para reclamar a retirada do chamado “decretazo de listas” e a negociación dunha nova regulación que garanta os dereitos do persoal temporal.

Con estas mobilizacións o persoal da Xunta de Galiza manifesta o seu rexeitamento ás modificacións do decreto que regula o nomeamento de persoal interino e a contratación temporal. Unha reforma que a CIG-Administración Autonómica cualifica de “ataque frontal” contra os dereitos das traballadoras e traballadores da Xunta porque supón “un paso máis na política de precarización sistemática do emprego público”.

A CIG denuncia que transcorridos máis de vinte anos sen actualizar a norma, a Xunta optou por introducir cambios que supoñen un recorte de dereitos e que castigan especialmente ao colectivo máis vulnerábel da Administración, o persoal temporal.

Sen chamamentos por mellora do emprego

Entre as medidas máis lesivas sinala a eliminación dos chamamentos por mellora de emprego, un mecanismo que permitía recoñecer a experiencia, a antigüidade e os méritos das persoas que levan anos sostendo os servizos públicos mediante contratos temporais. Por iso considera que esta decisión “condena a milleiros de    traballadoras e traballadores a permanecer encadeando substitucións temporais e impídelles acceder a vacantes para as que contan con maior puntuación e experiencia”.

Neste sentido, denuncia situacións nas que persoas con anos de servizo e centos de días traballados poden quedar excluídas dunha vacante mentres esta é adxudicada a persoas recentemente incorporadas ás listas.

A maiores, a CIG critica o mantemento dun sistema de penalizacións que considera “inxusto e abusivo”, polo que o persoal se ve obrigado a aceptar contratos de poucos días, ou mesmo de poucas horas, baixo a ameaza de permanecer excluído das listas durante seis meses en caso de rexeitalos. Unha práctica que o sindicato cualifica como un mecanismo de coacción que trata as traballadoras e traballadores como “man de obra desbotábel”.

Perspectiva de xénero ignorada

A CIG-Administración Autonómica denuncia tamén que a modificación do decreto ignora completamente a perspectiva de xénero e as necesidades de conciliación da vida laboral e familiar. Neste sentido, acusa a Xunta de incumprir o seu propio Plan de Igualdade e de dar as costas á realidade de milleiros de persoas, especialmente mulleres, que soportan a maior carga dos coidados e que representan unha parte moi importante do persoal afectado.

Xunto a isto, alerta do uso que xa se está facendo do novo sistema de listas, co envío de adxudicacións de postos durante a madrugada para incorporarse poucas horas despois ao traballo ou con chamadas a calquera hora do día para aceptar incorporacións inmediatas baixo a advertencia de que a negativa suporá unha penalización de seis meses.

Por iso a CIG-Administración Autonómica conclúe que este decreto non ten como obxectivo mellorar a xestión das listas, senón reducir custos a costa dos dereitos laborais, dificultar a promoción profesional e consolidar a precariedade do emprego público.

Recuperación de dereitos

O sindicato nacionalista demanda a recuperación dos chamamentos por mellora de emprego, a apertura dun proceso de negociación dun novo decreto e a incorporación transversal da perspectiva de xénero. Ademais, reclama medidas efectivas de conciliación que permitan rexeitar ofertas de traballo sen penalización cando existan menores ou persoas dependentes ao cargo, así como garantías específicas para a protección da saúde laboral do persoal especialmente sensíbel, nomeadamente das traballadoras embarazadas ou en período de lactación.

Advirte, ademais, que as mobilizacións desenvolvidas este martes constitúen un primeiro paso para frear unha reforma que considera un grave retroceso nos dereitos do persoal temporal da Xunta e adianta que continuará impulsando accións para conseguir a súa retirada.