Persoal da sanidade privada pontevedresa achega unha proposta e desconvocaría día de folga se hai contraoferta

Manterían as dúas xornadas de paro previstas para o 26 e 27 de marzo mentres non haxa acordo

Pontevedra/Vigo -

O persoal da sanidade privada pontevedresa decidiu este mércores en asemblea achegarlle unha proposta de convenio colectivo á patronal e desconvocar o día de folga previsto para este mércores 21 de marzo no caso de que o empresariado se sente a negociar e faga unha contraoferta. Con todo, manterían as dúas xornadas de paro convocadas para os días 26 e 27 mentres non se chegue a un acordo.

Dende as centrais con representación no sector da sanidade privada da provincia de Pontevedra (CIG, CCOO e UGT) explican que os traballadores/as consensuaron unha contraoferta global, “e como tal ten que ser interpretada”, que consiste en aceptar unha suba salarial do 0,50% no 2016 que se sumaría ao 1,25% do 2017, coa correspondente paga de atrasos do 0,50+1,25%. 

Reclaman maior suba salarial, redución da xornada anual, plus de toxicidade e melloras na conciliación

Este incremento dos soldos sería do 2% no 2018 e no 2019, con revisión do IPC se algún destes anos supera o 2% asinado. A patronal, pola súa banda, ofrece un 1,5%.

Tamén propoñen a redución da xornada anual en 21 horas (o empresariado ofrece sete horas) e a creación dun plus de toxicidade para traballadores/as e servizos “sinalados na nosa proposta inicial”. Ao mesmo tempo, demandan a redacción consensuada do dereito dos pais/nais a acompañar os seus fillos/as a pediatras e especialistas.

Finalmente, na asemblea acordouse que os sindicatos desconvocarían o día de folga previsto para o vindeiro mércores 21 de marzo “se existe unha convocatoria da patronal e unha resposta á nosa contraproposta”, pero manterían a convocatoria dos días 26 e 27 mentres non se chegue a un acordo.

Volver