O persoal da recollida do lixo da Mancomunidade do Salnés convoca protestas para reclamar melloras laborais

A CIG anunciou concentracións diante dos Concellos de Cambados, Vilanova e Meis para instar a Valoriza a negociar o convenio
O Salnés - 06 Xul 2026

O cadro de persoal de Valoriza, que se encarga da recollida do lixo para a Mancomunidade do Salnés (Concellos de Cambados, Vilanova de Arousa e Meis), anunciou hoxe en rolda de prensa un calendario de mobilizacións en demanda dun convenio colectivo digno e que as melloras que se pacten sexan incorporadas aos pregos de condicións do concurso de adxudicación do servizo.

A representación sindical da CIG compareceu o venres diante dos medios de comunicación para denunciar que a empresa está a dilatar o proceso para que os pregos se publiquen sen recoller as demandas da parte social. De feito, adiou ao vindeiro martes a xuntanza prevista para hoxe. En consecuencia, o persoal optou por levar a cabo concentracións diante dos respectivos consistorios ás 13:00 horas (o 13 de xullo en Meis, o 15 en Cambados e o 17 en Vilanova). 

O persoal irá a unha convocatoria de folga no caso de que non se produzan avances

Dende a central sindical explican que o convenio colectivo leva caducado dende o pasado 30 de abril, pero xa en xaneiro comezaron os contactos entre as partes tendo en conta que nesa data remataba tamén a actual concesión. A intención do persoal era precisamente que se negociase un novo convenio é que as melloras fosen incluídas nos pregos do concurso. Con este obxectivo intentaron contactar até en tres ocasións coa Mancomunidade, “pero non obtivemos resposta”.

Ao mesmo tempo, a parte social denuncia que Valoriza non está a amosar disposición algunha de chegar a un acordo, “xa que propón subas salariais ridículas do 1% e do 1,5% cando as persoas traballadoras da recollida do lixo da Mancomunidade do Salnés perderon un 15% de poder adquisitivo nos últimos 12 anos”, denuncian dende a CIG. Neste senso, lembran que xa en 2023 se vivira un conflito laboral que se pechou cun convenio de transición porque a empresa argumentaba que o actual contrato non lle permitía asumir maiores custes salariais.

“Agora sabemos que se están a redactar os novos pregos, pero sen ter en conta unha suba de soldos para o cadro de persoal, algo que non estamos dispostos a permitir”. Para este martes está fixada a quinta xuntanza coa empresa para negociar o convenio, “polo quer se non se producen avances imos poñer en marcha este calendario de protestas”. Unha vez rematadas as tres concentracións previstas o persoal deixará unha semana de marxe para que se volvan producir contactos, “pero se non se achegan posturas optaremos por convocar folga dende o 24 de xullo até o 9 de agosto”.