O persoal da limpeza dos hospitais de Vilagarcía e Ribeira secunda unha nova xornada de paros pola equiparación

As traballadoras do Hospital de Cee teñen convocada concentración para este mércores día 10
Cee/Ribeira/Vilagarcía - 09 Dec 2025

As traballadoras e traballadores do servizo de limpeza dos hospitais de Vilagarcía e Ribeira están desenvolvendo este martes unha nova xornada de paros de dúas horas por quenda para reclamar que, dunha vez, se proceda á equiparación das súas condicións e rematar coa discriminación que sofren.

As protestas enmárcanse no calendario acordado polas asembleas do persoal dos hospitais do Salnés, O Barbanza e Virxe da Xunqueira de Cee ante a falta de resposta do SERGAS para avanzar na equiparación total das condicións laborais, salariais e sociais que xa teñen recoñecidas as persoas traballadoras dos servizos de limpeza dos hospitais de referencia.

Os paros (de 9:00 a 11:00 horas e de 15:00 a 17:00 horas) rexistraron un seguimento maioritario e para darlle visibilidade ás súas demandas, as traballadoras concentráronse esta mañá ás portas dos centros hospitalarios de Vilagarcía de Arousa e de Ribeira. A folga parcial continuará mañá, mércores día 10, e repetirase os días 16, 17, 22, 23, 29 e 30 de decembro.

No caso de Cee, o persoal ten convocada unha concentración mañá, mércores 10, ás 10:00 horas, diante do Hospital Virxe da Xunqueira e novas xornadas de folga de 24 horas para os días 17, 18 e 19 de decembro.

Solicitude de reunións cos grupos parlamentares

Ante a falta de movementos por parte da Consellaría de Sanidade, a CIG vén de dirixirse por escrito aos grupos políticos con representación no Parlamento galego para solicitarlles unha reunión, pór no seu coñecemento a situación de discriminación que padece este persoal e avaliar posíbeis iniciativas para avanzar na equiparación.

Hai que lembrar que a pesar de realizar o mesmo traballo que as compañeiras e compañeiros doutros servizos de limpeza hospitalaria, ao persoal dos centros de Ribeira, Vilagarcía e Cee non se lles recoñece aínda a equiparación co grupo E do SERGAS e aplícaselles o respectivo convenio provincial da limpeza polo que dispoñen de condicións inferiores en materia retributiva, de complementos, de permisos, descansos e xornada.

“Esta situación supón un agravio evidente, dado que estas profesionais realizan as mesmas funcións e responsabilidades, pero sen os mesmos dereitos que o persoal da limpeza das áreas sanitarias de referencia”, denuncia a representación da CIG. A central sindical considera especialmente grave que sexa unha administración pública a que perpetúe esta situación de precariedade, pobreza laboral e infravaloración profesional e incumpra o principio de “a igual traballo, igual salario”.

Por iso, as traballadoras reiteran que continuarán na mobilización até que se poña fin a esta inxustiza, a Dirección Xeral do Sergas se digne a convocar unha reunión e abra unha mesa de negociación real para atender as súas demandas.