O persoal da limpeza dos hospitais de Cee, Ribeira e Vilagarcía segue en loita pola equiparación
As traballadoras e traballadores dos hospitais de Cee, Ribeira e Vilagarcía continúan esta semana co calendario de folgas e mobilizacións para reclamar a equiparación salarial e laboral co persoal que presta o mesmo servizo nos hospitais de referencia das áreas sanitarias. As traballadoras levan semanas mobilizándose, mais a pesar do seguimento case total das folgas e paros, o SERGAS continúa a facer oídos xordos a estas xustas demandas e perpetuando unha situación totalmente discriminatoria.
Nesta semana, o persoal do hospital do Barbanza e do Salnés fixo paros parciais de dúas horas por quenda de traballo, onte martes e hoxe mércores día 17 de decembro. Mentres, no centro hospitalario de Cee, as traballadoras secundan tres días consecutivos de folga de 24 horas que se alongan dende hoxe até o venres pola noite.
O seguimento das folgas está sendo practicamente do 100% do persoal que pode exercer este dereito fundamental, pois non hai que esquecer que o SERGAS impuxo uns servizos mínimos totalmente abusivos que acadan o 100% en urxencias, quirófanos, probas médicas e radioloxía e que a CIG xa recorreu en vía xudicial.
Discriminación salarial e laboral
Os servizos de limpeza neste tres hospitais están externalizados e o persoal réxese polo respectivo convenio provincial da limpeza, polo que teñen condicións salariais e sociais peores que as das compañeiras e compañeiros que realizan o mesmo servizo nos hospitais de referencia, que xa teñen as condicións equiparadas ás do SERGAS.
A CIG salienta que o persoal do servizo de limpeza é esencial para garantir a hixiene, a seguridade e a saúde nos hospitais e reclámalle ao SERGAS, responsábel da desigualdade que sofre este colectivo, que abra de inmediato unha mesa de negociación para corrixir esta situación, que ademais a administración non lle supón un gran esforzo a nivel económico.
Anta a falta de movementos por parte da Consellaría de Sanidade, a CIG dirixiuse por escrito aos grupos políticos con representación no Parlamento galego para solicitarlles xuntanzas nas abordar a discriminación que padece este persoal e avaliar posíbeis iniciativas para avanzar na equiparación.
O primeiro destes encontros tivo lugar a pasada semana, cando unha representación da CIG e dos cadros de persoal mantiveron unha xuntanza co grupo parlamentario do BNG, que se comprometeu a trasladar unha serie de preguntas sobre este servizo á comisión de Sanidade.
Ademais, a central está preparando mocións para presentar nos concellos destas tres comarcas para que tamén dende as distintas corporacións se manifeste o apoio ás lexítimas reivindicacións do persoal e se inste á Consellaría de Sanidade a negociar e rematar con esta discriminación.