O persoal da Auxiliares de Navantia sairá en manifestación o vindeiro xoves 19 de outubro

Convoca ademais concentración o martes na porta principal de Navantia Ferrol
Ferrol - 13 Out 2017

O persoal da Auxiliares de Navantia, que hoxe cumpren a novena xornada de folga, vén de anunciar a convocatoria dunha manifestación para o vindeiro xoves, día 19 de outubro, con saída ás 19:00 horas da porta principal de Navantia Ferrol. Ademais teñen previsto desenvolver unha concentración o martes tamén na porta principal de Navantia.

A CIG-Industria lembra que no sector naval da ría de Ferrol os salarios baixaron entre o 24,5% para un oficial de aceiros e un 4,5% para un especialista. Unha situación de “acoso e derrubo das condicións laborais” que o persoal da industria auxiliar leva anos soportando.

Denuncia que esta baixada se produciu sen negociación e que foi imposta individualmente e dun xeito “abusivo” aproveitando o elevado paro que padece a comarca e a ausencia dun marco normativo que dera protección legal aos acordos salariais que os traballadores/as viñan percibindo desde 2001.

O persoal da industria auxiliar subliña que, en todo caso, “nunca nos comparamos cos compañeiros e compañeiras da principal, pero non podemos aturar por máis tempo os abusos da nosa patronal e o silencio respecto do noso problema”. Reclaman o seu dereito a pelexar polas súas condicións laborais “polos que estamos e polos que aínda están na cola do paro e contan con retornar ao sector durante este ano e o que vén”.

Consideran pois que é unha loita de todos e todas. Por iso a CIG-Industria fai un chamamento a veciños e veciñas da comarca a sumarse á manifestación, máis cando “a patronal quere botarnos enriba á opinión pública acusándonos de perdas irrecuperábeis. Esa mesma patronal que vampiriza as contas de Navantia e as nóminas dos traballadores/as desviando o fluxo económico cara os seus petos no canto de chegar a toda a comarca a través dos nosos salarios”.

Lembran que todo que leva perdido a comarca nestes anos é “irrecuperábel”. Por iso apelan á solidariedade da sociedade “para que vexan que hoxe todo o mundo sabe que os únicos responsábeis do que pasa en Navantia son os gobernos –central e Xunta- e os que mandan neles”.