O persoal da Autoridade Portuaria de Vigo abordará en asemblea a denuncia do presidente contra catro membros do comité

Enrique López Veiga reclámalles 25.000 euros por supostas inxurias e calumnias nun comunicado interno

Vigo -

O persoal da Autoridade Portuaria de Vigo (APV) celebrará unha asemblea este luns 5 de novembro para abordar a denuncia presentada polo presidente do organismo, Enrique López Veiga, contra catro membros do comité de empresa polas supostas inxurias e calumnias verquidas contra el nun comunicado interno.

Segundo indican dende a representación dos traballadores/as da APV, co encontro que terá lugar no centro social situado no peirao do Areal de 12:30 a 15:00 horas queren amosar o seu apoio a estes catro compañeiros/as (dous da CIG e dous da UGT), ademais de decidir a convocatoria de paros, mobilizacións e roldas de prensa para trasladar o seu rexeitamento a unha denuncia que contempla unha sanción de 25.000 euros para os demandados/as. 

A asemblea terá lugar este luns no centro social do peirao do Areal de 12:30 a 15:00

Neste senso, lembran que o comité de empresa é un órgano colexiado “e as decisións que se toman no seu seo non son individuais”, polo que critican o afán de López Veiga por “individualizar” un comité cuxos integrantes “intentan sempre facer o mellor para o ben común, sen beneficio algún e sempre dende unha mirada crítica buscando a mellora colectiva”.

Ao mesmo tempo, consideran que o presidente da APV, por ser un cargo de designación política, debe de estar á altura da representación que ostenta, “cousa que semella non entender e agora a emprende a título persoal contra catro traballadores/as que o vindero martes 6 terán que acudir ao Xulgado de Vigo para o acto de conciliación previo”.

Numerosos incumprimentos

Finalmente pregúntanse se López Veiga se sinte tan ofendido por un comunicado interno, “como deben de sentirse uns traballadores/as aos que se lles rouba o 5% do seu salario dende 2010, se lles retira a comida do Carme incumprindo os acordos de empresa, non se lles pagan todas as xornadas que fan de excesos nocturnos e se lles ningunea e non se valora o seu traballo?”.

Ademais doutros agravios como crear prazas de responsábeis temporais para persoas alleas ao organismo “mentres os da casa seguen co veto á promoción”; a ausencia de taxa de reposición; a existencia de servizos con déficit de persoal e en condicións precarias; e o incumprimento de sentenzas e impago de cotizacións.

Volver