Novas folgas na Atención Primaria pola mellora das condicións laborais e un servizo de calidade
“A Atención Primaria está nunha situación límite, pero a Consellaría de Sanidade continúa sen atender as demandas do persoal e sen abordar ningunha das súas problemáticas na Mesa Sectorial”. Esta denuncia facíaa a secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, durante xornada de folga convocada pola central nacionalista o pasado 12 de marzo en todas as categorías da Atención Primaria.
Agora a central sindical fai un chamamento ao conxunto do persoal que traballa na Atención Primaria a secundar a nova xornada de folga convocada para este xoves 26 de marzo, así como a participar na concentración que a central sindical vai realizar diante da Consellaría de Sanidade (complexo administrativo de San Lázaro), ás 11:00 horas.
Esta mobilización forma parte do calendario de protestas impulsado pola CIG ante a falta de respostas por parte da Consellaría de Sanidade, que continuará con novas xornadas de folga os días 9 e 23 de abril.
Lestón salientou que son as traballadoras e os traballadores quen está sostendo día tras día “co seu esforzo, a súa profesionalidade e o seu compromiso” o sistema, pero cómpre “abordar dunha vez por todas as axendas, as listas de agarda e cales son os recursos de persoal que ten que haber en cada un dos centros de saúde do país”.
Cómpre abordar dunha vez por todas as axendas, as listas de agarda e cales son os recursos de persoal que ten que haber en cada un dos centros de saúde do país
Entre as actuacións máis urxentes, reivindicou a redución da sobrecarga asistencial e a limitación das axendas; o reforzo de persoal en todas as categorías; a mellora das condicións laborais e retributivas para atraer e reter profesionais; a planificación real e negociada da organización dos centros de saúde e dos PAC; e a posta en marcha de medidas estruturais que garantan a sustentabilidade do sistema.
A secretaria da CIG-Saúde explicou que esta situación crítica é consecuencia da mala planificación e da falta de vontade política para reforzar a Atención Primaria, “porta de entrada ao sistema sanitario e a garantía dunha atención próxima e de calidade”.
Por iso, advertiu, se a Consellaría continúa sen negociar e sen buscar solucións efectivas, “o conflito e as mobilizacións continuarán até que haxa cambios, porque esta tamén é unha loita pola defensa da sanidade pública e polo dereito da cidadanía a unha atención digna”.