O peche de Maderas Iglesias afectaría a 200 familias de Salvaterra, O Porriño, Vigo, Ponteareas e Mos

O comité de empresa volverá reclamar por escrito a intervención da Xunta para garantir o emprego

O Porriño -

Unhas 200 familias dos concellos de Salvaterra, O Porriño, Vigo, Ponteareas e Mos veríanse afectadas no caso de que finalmente se consume o peche de Maderas Iglesias, compañía dedicada á fabricación de tarima flotante que atravesa unha situación económica crítica. O comité de empresa, presidido pola CIG, volverá reclamar por escrito a intervención da Xunta para garantir a continuidade da empresa e o mantemento dos postos de traballo.

Numerosas localidades do sur da provincia de Pontevedra veranse afectadas se se constata o peche de Maderas Iglesias, que emprega na actualidade a 249 traballadoras/es. Ademais das cinco citadas, que concentran a maior cantidade de empregadas/es (51 en Salvaterra, 38 no Porriño, 36 en Vigo, 32 en Ponteareas e 31 en Mos), a desaparición da compañía deixaría sen posto de traballo a un importante número de persoas en Tui (16), Salceda (13), As Neves (6), Redondela (6) e Tomiño (6). Trátase en todos os casos de empregos directos, polo que a cifra de indirectos sería aínda maior. 

Non sabemos cal pode ser a axenda do conselleiro para que neste tempo non fixese nada para salvar a compañía

A pesar disto, e de que hai xa tres meses que se aprobaron por unanimidade do Parlamento galego e do pleno do Concello do Porriño unha moción e unha proposición non de lei reclamando a intervención da Xunta para garantir a supervivencia da compañía e o mantemento dos postos de traballo, o Goberno galego aínda non se puxo en contacto co comité de empresa.

“Non sabemos cal pode ser a axenda do conselleiro de Industria para que neste tempo non fixese nada para salvar unha das compañías máis importantes do sur da provincia de Pontevedra, e da que dependen centos de familias”, denuncian.

ERE extintivo

Ademais, o pasado 28 de decembro a representación do cadro de persoal mantivo xuntanzas con todos os grupos políticos con representación no Parlamento e co Igape para demandarlles un compromiso político co futuro de Maderas Iglesias. Neste senso, reclámanlle aos Concellos afectados nos que goberna o PP “que dean un paso adiante en defensa do emprego en Maderas Iglesias”. O comité, pola súa banda, reiterará por escrito a petición para que a Xunta interveña.

Lembran que cada vez queda menos tempo para buscar unha solución que evite o peche da empresa, xa que o vindeiro venres 12 terá lugar a primeira xuntanza para negociar o ERE extintivo que afectará a 140 traballadoras/es. “Non entendemos a inoperancia da Consellaría a catro días de que se produza unha reunión da que depende en boa medida o futuro da empresa e o de centos de familias”, sinalan.

Volver