O peche de camas e o abandono da atención primaria condenan o servizo de urxencias do CHUAC a un colapso permanente

A Comisión de Centro denuncia a falta de previsión da Xerencia
A Coruña - 03 Xul 2018

A Comisión de Centro de Atención Especializada da EOXI da Coruña advirte das consecuencias que está a ter o peche masivo de camas que deseñou para este verán a Xerencia. "Como non podía ser doutro xeito, provócase unha situación de caos, con imaxes nas que podemos ver as e os pacientes amoreados nos corredores, en condicións deplorábeis tanto para a intimidade como para a dignidade das persoas", denuncian.

Por mor da falta de camas "non hai unha drenaxe" dos/as pacientes ás unidades de hospitalización e polo tanto "quedan amoreados/as no servizo de urxencias". Dende a Comisión pregúntanse que desculpa porá nesta ocasión a Xerencia, "pois agora non vale a escusa do pico de gripe". Neste senso, lembran que a afluencia nas urxencias vén derivada, na súa maior parte, polo desmantelamento da atención primaria. "A non cobertura de postos provoca a demora das citas e, polo tanto, que as e os pacientes se vexan na obriga de acudir o servizo de urxencias do CHUAC", afirman.

Porén, critica a presidenta da Comisión de Centro, María Seijo (CIG), ante tal situación de colapso, "a Xerencia nin sequera contempla a posibilidade da apertura de parte das camas pechadas, algo que debera de ser un acto inmediato ante tal situación de caos".

Apertura de camas

Neste senso, subliña que os e as profesionais "traballan arreo", ofrecendo uns coidados "que para a cidadanía semellan precarios e para os/as traballadores/as frustrantes".

Para atallar este deterioro da calidade asistencial, a Comisión esíxelle á Xerencia que adopte  medidas urxentes, "que se reformule o peche de camas excesivo que levou a cabo e que planifique unha dotación de camas axeitada que permita o drenaxe dos e das pacientes do servizo de urxencias e polo tanto o libere da situación de colapso na que sobrevive".