O Parlamento galego aproba unha declaración reclamando a readmisión dos/as traballadores/as de TRAGSA despedidos/as

No texto sublíñase que as causas que xustificaron o ERE “xa non están vixentes”

A Coruña -

O Parlamento galego aprobou este martes por unanimidade unha declaración institucional na que insta á reincorporación dos 77 traballadores/as despedidos por Tragsa e dos/as 7 despedidos/as na súa filial Tragsatec. Tras coñecerse o acordo, o comité de empresa decidiu desconvocar a concentración que tiña previsto desenvolver este mércores diante do Pazo do Hórreo.

Para a CIG-Construción de Compostela esta declaración institucional prodúcese grazas ás mobilizacións dos traballadores e traballadoras de TRAGSA contra a aplicación dun ERE que consideran inxusto e inxustificado. De feito, na propia declaración parlamentar sublíñase que  “as causas que o xustificaron (o ERE), xa non están vixentes”, porque que as “as causas económicas, produtivas e organizativas que no seu día xustificaron o procedemento de despido colectivo, téñense visto modificadas”.

Por iso, aliás de amosar o apoio ao persoal de TRAGSA, dende o Parlamento ínstase á Xunta para que se dirixa ao goberno español e á dirección da empresa e a súa filial para solicitar a readmisión dos traballadores/as despedidos en Galiza, así como para que inste á compañía pública a iniciar “coa maior brevidade posíbel as negociacións necesarias cos representantes legais do persoal para dar fin ao conflito laboral”.

A aplicación do ERE supuxo o despedimento de 77 traballadores/as de TRAGSA e 7 da súa filial Tragsatec, sendo Galiza a comunidade autónoma onde maior impacto tivo o expediente de extinción, xa que no conxunto do estado foron 307 os despedimentos executados.

Para a representación da CIG detrás deste ERE o que se perseguía era destruír emprego estábel, precarizar as condicións laborais e iniciar un proceso de contratación de persoal eventual en precario. Un temor que, denunciaban hai uns días, se confirmou porque Tragsa e Tragsatec “están facendo procesos de selección de certos postos de persoal eventual, con ofertas que están saíndo en Asturias, Cantabria, Extremadura”… Procesos de selección que prevían  xa que algunhas seccións quedaron tan minguadas de persoal que non son operativas.

Volver