O Parlamento debate apoiar a loita do sector dos produtos elaborados do mar e instar a Xunta a que interceda polas traballadoras/es

Representantes do persoal e dos sindicatos estiveron hoxe presentes na sesión, á espera da votación que terá lugar este mércores
Santiago - 06 Nov 2018

O Parlamento galego debateu hoxe unha proposición non de lei na que se reclama o apoio para a loita que mantén o sector dos produtos elaborados do mar en demanda dun convenio colectivo digno e se insta a Xunta a interceder en favor das traballadoras/es. Representantes do persoal e dos sindicatos, entre eles a FGAMT-CIG, estiveron presentes na sesión na que se abordou unha iniciativa que irá a votación este mércores e que conta co apoio dos grupos da oposición.

O principal obxectivo desta proposición é reclamarlle ao Goberno galego que medie no conflito laboral aberto como consecuencia da intransixencia negociadora da patronal, “aínda que a Xunta non pode levar a cabo unha mediación equidistante, senón que ten que exercer presión política sobre a parte que está a someter á outra”, indicou o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xabier Aboi.

Polo tanto, o responsábel sindical fixo fincapé na necesidade de que o Executivo de Feijóo presione o empresariado do sector e interceda en favor das traballadoras/ es “para que dunha vez por todas poidan ter unhas condicións laborais dignas”.