O Parlamento debate a creación dun sistema público de atención ás persoas

Nacional - 15 Feb 2022

A Proposta Non de Lei de Iniciativa Popular promovida pola CIG pola que se insta á Xunta de Galiza á creación dun sistema público galego de atención ás persoas chega a debate do Pleno do Parlamento nos primeiros días de febreiro.

Para avalar esta proposta, a CIG presentou un total de 15.199 sinaturas, seis veces máis das necesarias, o que constata a preocupación das galegas e galegos por contar cun sistema público de coidados no que se garanta unha prestación integral dos servizos para unha poboación cada vez máis avellentada e cunhas condicións laborais dignas para as persoas que as prestan. 

Trátase dunha Proposta Non de Lei promovida pola CIG que foi avalada por 15.199 sinaturas

A posta en marcha desta rede 100% pública que englobe todos os servizos existentes na actualidade depende de que haxa vontade política para poñer fin ás políticas de privatización dos servizos públicos e para recoñecer o labor social e dignificar as condicións de traballo neste sector.

Resulta intolerábel que na atención dos servizos básicos para a cidadanía, o persoal, maioritariamente mulleres, estea padecendo unhas condicións de auténtica precariedade e explotación, mentres as empresas privadas obteñen millonarios beneficios á conta das persoas máis vulnerábeis. Tal e caso das residencias privadas, cun convenio sen actualizar dende 2018 e no que a patronal presenta unha proposta irrisoria.

Protestas no sector de axuda no fogar

Ou aínda máis sangrante, o convenio galego de axuda no fogar, caducado dende 2012 e sen poder actualizarse porque a patronal se disolveu, crendo que así deixaba sen efecto o marco regulador autonómico. Algo que non ocorreu, pero que condena as traballadoras a teren unhas condicións de miseria e ademais conxeladas.

A CIG leva anos tentando que a patronal se organice para poder constituír a mesa de negociación, mais ante a negativa do empresariado, a central xa se dirixiu á CEG para instala a que asuma a negociación deste convenio. De xeito paralelo, a CIG iniciou un calendario de mobilizacións no sector para forzar a negociación e poder avanzar na dignificación das condicións laborais e salariais destas traballadoras.