O Obradoiro convértese nun clamor social en defensa da sanidade pública galega
Milleiros de persoas participan na manifestación convocada pola Plataforma SOS contra as políticas de recorte e desmantelamento da Xunta do PP
A Praza do Obradoiro converteuse este domingo nun enorme clamor social en defensa da sanidade pública galega e contra as políticas de recorte e privatización aplicadas polo Goberno do PP na Xunta de Galiza dende hai máis de 16 anos. A pesar das inclemencias climatolóxicas, milleiros de persoas responderon ao chamado da Plataforma cidadá SOS Sanidade Pública, da que a CIG fai parte, protagonizando outra multitudinaria manifestación que saíu da Alameda de Compostela baixo a consigna da defensa do dereito á saúde.
Esquivando a persistente choiva, milleiros de persoas acudiron á mobilización nun momento crítico para o sistema sanitario público galego tras anos de destrución e privatización. Listas de agarda interminábeis, acceso imposíbel aos centros de saúde e PAC, colapso dos servizos de urxencias dos hospitais, hospitais comarcais desmantelados, falta de profesionais e recursos, desviación de miles de doentes e de cartos á sanidade privada, crecemento exponencial dos seguros privados, etc., foron algunhas das denuncias que se escoitaron no manifesto lido por representantes das distintas organizacións que conforman a Plataforma.
“Non podemos baixar os brazos e aceptar este roubo do Partido Popular para beneficiar as súas amizades, familiares e empresas afíns. Temos que reaccionar e facer fronte a esta inxusta aberración de comerciar coa nosa saúde, antes de que sexa demasiado tarde”, aseverouse.
Acceso libre e sen demoras
No acto final na Praza do Obradoiro, conducido por Isabel Risco, tamén se contou coa actuación musical do grupo “De Ninghures” e reclamouse o acceso libre e sen demoras á Atención Primaria; poñer fin ás listas de agarda, darlles transparencia e acabar coa política de ocultalas nos buzóns nos que esperan entre un 30-40% das persoas enfermas; así como medidas urxentes para reforzar a Atención Primaria, a Atención Hospitalaria, a Saúde Mental e a Saúde Pública.
Xunto a isto, reivindicouse mellorar as condicións laborais do persoal, acabar coa precariedade e darlle estabilidade; novas convocatorias de prazas de persoal en función das necesidades do sistema sanitario público; e incorporar novas categorías profesionais aos centros de saúde: mais enfermaría, psicoloxía clínica, fisioterapia, traballo social, administración, saúde dental, logopedia...
Para afrontar a situación actual, a Plataforma propón15 medidas urxentes:
Incrementar o orzamento sanitario, especialmente na Atención Primaria, ata o 25% do total que indica a Organización Mundial da Saúde (OMS), garantindo que na contabilidade deste incremento non se compute o gasto farmacéutico nin o custe do sector privado racionalizado.
Acabar coa derivación sistemática de pacientes aos centros concertados privados, nos que mais da metade dos seus ingresos ven dos orzamentos sanitarios públicos (os centros non concertados tamén reciben cartos públicos que medraron un 40% nos últimos anos). A privada parasita a sanidade pública xa que os recursos económicos dos centros privados detráense dos que lles correspondería a hospitais públicos.
Incrementar o persoal de medicina familiar, pediatría e enfermaría; incorporar aos equipos sanitarios de novas categorías profesionais necesarias para dar unha Atención Integral: Psicoloxía Clínica, Fisioterapia, Logopedia, Terapia Ocupacional, Podoloxía, Traballo Social, Atención Temperá, Nutrición, Hixiene Bucodental
Aumentar as prazas de formación do persoal; acreditar novos centros para a docencia; priorizar as consultas presenciais nos centros sanitarios; e acabar coas listas de agarda nos centros de saúde; abrir os Centros de Saúde pechados e crear novos e mellorar a súa dotación e equipamento. O control e coordinación dos procesos asistenciais debe facerse desde a Atención Primaria.
Reintegrar o servizo de ambulancias ao Sistema Público; aumentar a dotación das mesmas para cubrir os servizos mínimos de persoal e equipamento.
Aumentar o número de ambulancias asistenciais e medicalizadas que na actualidade non chega para cubrir a demanda. Mellorar as condicións laborais do persoal.
Implementar un Plan Urxente para racionalizar as listas de agarda hospitalarias, poñendo de novo a funcionar a pleno rendemento os centros sanitarios públicos: reabrir as camas hospitalarias clausuradas e os servizos pechados dos Hospitais Comarcais.
Garantir a atención médica e o control da saúde, das persoas incluídas no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD) desde a Sanidade Pública, sendo os referentes os Centros de Atención Primaria, dotados adecuadamente, en coordinación cos servizos sociais. Asegurar que as persoas maiores e as persoas con discapacidade, sobre todo aquelas que viven en residencias, non sofren restricións ou marxinacións, vergoñentas, no acceso aos especialistas nin nas derivacións hospitalarias.