O metal segue en loita por un convenio digno: o 30 de maio manifestación na Coruña

A marcha sairá dende a Praza da Palloza ás 20:30 horas
A Coruña - 19 Mai 2017

Os traballadores e traballadoras do metal da provincia da Coruña seguirán coas mobilizacións en demanda dun convenio digno o próximo martes, 30 de maio, data na que está convocada unha manifestación na cidade herculina, con saída ás 20:30 horas da Praza da Palloza, e que dá continuidade ao calendario de protestas que o persoal vén desenvolvendo dende hai meses.

Dende CIG-Industria lembran que xa pasaron máis de dous anos dende que comezou a negociación do convenio de siderometalurxía da provincia da Coruña, pero neste tempo apenas se produciron avances. Tras moitas reunións, "a patronal non acepta practicamente ningunha das reivindicacións presentadas pola parte social, pretendendo liquidar a negociación sen ningunha mellora substancial para os traballadores/as do sector".

Por se isto non fose abondo, a patronal teima na idea de  eliminar dereitos xa conquistados, como a  revisión salarial, e busca afondar aínda máis na distribución irregular da xornada.
Fronte a este ataque, a CIG-Industria defende a necesidade de continuar loitando con firmeza para acadar os obxectivos marcados para esta negociación. "Neste convenio os/as traballadores/as do metal precisamos mellorar os nosos salarios, estabelecer a subrogación para o persoal das contratas, regular as gardas localizadas fóra de xornada, recuperar a revisión salarial, mellorar as licencias retribuídas, limitar o uso das ETTs, etc.".

Pero a negociación está nun punto de total estancamento, "polo que chegou o momento de que os traballadores/as nos impliquemos de xeito decidido para sacar adiante as nosas xustas reivindicacións. A patronal non vai moverse da súa posición se nós non damos mostras claras de estarmos dispostos/as a defender o convenio e actuamos en consecuencia", subliñan.

Calendario de mobilizacións

Neste senso, dende a Federación de Industria apuntan que logo das asembleas de traballadores/as que CIG, UGT e CCOO celebraron na Coruña, Compostela e Ferrol, acordouse o inicio de mobilizacións no sector. A primeira destas mobilizacións tivo lugar o pasado 16 de marzo, diante da Confederación de Empresarios, cunha concentración na que preto de 500 delegados e delegadas do metal reclamaron solucións para o convenio.

Posteriormente realizáronse concentracións de protesta diante de empresas do metal de Ferrol, A Coruña e Santiago. A próxima será a manifestación do día 30 de maio na Coruña.

"Só coa mobilización e o compromiso de todos/as poderemos facer que a patronal desista
da súa actitude mesquiña e conseguir que a negociación remate cun convenio xusto,
unhas condicións de traballo decentes e uns salarios dignos para os traballadores e
traballadoras do metal", aseveran.