O metal de Ourense intensifica a loita por un convenio digno
O siderometal da provincia de Ourense está en loita por un convenio digno. En outubro, os traballadores e traballadoras secundaron tres xornadas de folga cun amplísimo seguimento, tras fracasar as negociacións coa patronal. En setembro, o persoal xa foi dous días á folga e, ante a falta dun acordo satisfactorio, as asembleas xa están valorando novas convocatorias.
Foi a presión do persoal o que mudou a postura patronal e fixo que chamase a negociar días antes do paro. Malia o “afán negociador das partes”, o empresariado accedeu só a incrementar a suba salarial en dous puntos, algo que, apuntou o secretario da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, “consideramos insuficiente, apostando por manter a folga de tres días”.
Sobre as negociacións, explicou que a anterior proposta incluía un convenio de tres anos, cun incremento salarial do 3,5% en 2025 e do 2% en 2026 e 2027, máis un plus de asistencia efectiva de 2,5 euros en 2026 e de 3,5 euros en 2027 que neste último encontro a patronal se amosou disposta a eliminar até 2027. A última oferta contempla unha suba do 3,5% para este ano, con carácter retroactivo dende xaneiro, e do 3% en 2026 e 2027, cun plus de asistencia efectiva de 2,5 euros nese último ano.
A cláusula de revisión salarial, que agora está no 9,5%, executaríase ao remate do convenio e estaría topado nun 3% no caso de que o IPC supere esa cantidade. A parte social trasladou que podería aceptar esta suba salarial, pero cunha cláusula de revisión anual que garanta o poder adquisitivo, punto que a patronal se nega a tratar ao igual que a redución da xornada.
Neste contexto, o persoal continúa apostando pola folga e as mobilizacións para acadar un convenio digno e avanzar nos dereitos fronte ao inmobilismo patronal.