O metal da provincia de Pontevedra convoca seis xornadas de folga por un convenio digno
As persoas traballadoras do sector do metal da provincia de Pontevedra están a chamadas a secundar as seis xornadas de folga convocadas este xoves día 7 e os vindeiros 13, 14, 19, 20 e 21 de maio para reclamar un convenio colectivo digno. As tres centrais con representación na mesa negociadora anunciaron hoxe novos paros e mobilizacións tras constatar a “nula vontade” da patronal de pactar melloras laborais e unha suba salarial xusta.
A CIG xa lanzara o pasado 21 de abril a convocatoria dunha xornada de folga para este xoves día 7 ante as pretensións do empresariado de precarizar as condicións de traballo no sector e en resposta á súa actitude inmobilista á hora de atender as reivindicacións da parte social. A central sindical aproveitara ademais para desenvolver unha concentración diante da patronal ATRA en Vigo, á que se sumaron persoas traballadoras do sector do comercio do metal, que se atopa en plena negociación do convenio e que tamén ten convocada folga para este xoves.
A 13ª xuntanza da mesa negociadora do convenio do metal que tivo lugar onte non fixo máis que constatar a “nula vontade” da patronal pontevedresa por chegar a un acordo, polo que CCOO e UGT decidiron sumarse á folga, tal e como anunciaron hoxe representantes dos tres sindicatos durante a rolda de prensa celebrada en Vigo. Na comparecencia diante dos medios de comunicación tamén se fixo público un calendario de folgas e mobilizacións que terá continuidade os próximos días 13, 14, 19, 20 e 21 de maio.
O secretario comarcal da CIG-Industria, Xulio Fernández, denunciou durante a rolda de prensa que xa dende o comezo das conversas a patronal negouse a negociar de boa fe, tratando de impoñer as súas propostas e rexeitando as achegas da parte social. “Onte mesmo, tras saber que se convocara folga, citounos para finalmente non ofrecer nada e mesmo empeorar a última proposta”.
No actual contexto de incerteza económica non temos garantía de recuperación do poder adquisitivo ao topar ao 2% a actualización a IPC
O responsábel sindical debullou tamén as principais propostas recollidas na plataforma conxunta de convenio, coas que se pretende dignificar as condicións laborais das máis de 30.000 persoas que emprega o sector na provincia. Para a CIG estas demandas constitúen liñas vermellas sen cuxa inclusión no convenio fan imposíbel a sinatura dun acordo, comezando pola duración excesiva do convenio (catro anos) e a suba salarial insuficiente (14% en total); “xa que no actual contexto de incerteza económica non temos garantía de recuperación do poder adquisitivo, porque non se asegura que os salarios recuperen o perdido coa inflación ao topar ao 2% a actualización a IPC”.
Tamén é necesario unha rebaixa real da xornada de traballo -segue a ser unha das máis altas do Estado- ante a proposta insuficiente e “tramposa” da patronal, “que fala dun día máis de vacacións pero a conta dos axustes da xornada anual”. En canto á xubilación anticipada, non se facilita nin se regula de maneira adecuada, nin con contrato de relevo.
Outra das reivindicacións ten que ver coa subrogación do persoal para protexer os postos de traballo nos cambios de contrata en determinados sectores; así como o establecemento de límites á subcontratación para rematar coa precariedade, a alta sinistralidade e a fragmentación do sector. Tamén se reclama a regulación da contratación fixa descontinua para evitar un uso abusivo desta modalidade. Así como medidas fronte ás altas temperaturas no verán, especialmente no sector naval, que pasarían pola implantación da xornada continuada durante este período.
Comercio do metal
No caso do comercio do metal, que emprega a unhas 10.000 persoas na provincia, dende o pasado mes de xaneiro non se celebran xuntanzas da mes de negociación dun convenio que leva ano e medio caducado, unha vez que os sindicatos con representación na mesa (CIG, CCOO e UGT) abandonaron as conversas ante a pretensión do empresariado de eliminar a cobertura do 100% dende o primeiro día en caso de baixa por incapacidade temporal.
E tamén de suspender durante dous anos a aplicación de artigo que impide que as empresas poidan absorber os pluses que superen as condicións salariais fixadas en convenio. A intención desta última proposta é evitar que o persoal con mellores condicións cobre os atrasos e se poida ver beneficiado pola suba de soldos que se pacte. Ademais, a suba económica non contempla cláusula de revisión a IPC.
Diante disto, as centrais sindicais levaron a cabo distintas mobilizacións dende comezos de ano, optando agora a CIG-Servizos por facer confluír unha primeira xornada de folga coa convocatoria do metal.
Mobilizacións do metal en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Lalín
-Vigo: saída ás 9:30 horas dende os estaleiros da Avenida de Beiramar, pasando polo Concello (onde dende as 9:00 se concentrará o persoal do comercio do metal), Gran Vía e Urzaiz até a delegación da Xunta.
-Pontevedra saída ás 12:00 horas dende Mollabao percorrendo as rúas do centro da cidade e rematando en praza da Peregrina.
-Vilagarcía: saída ás 12:00 horas dende a rotonda da rúa Daniel Espino e Avenida das Carolinas até a rotonda do Ramal.
-Lalín: saída ás 12:30 horas dende a rotonda do Concello (Avenida Xosé Cuíña) e remate na rotonda da confluencia Ramón Aller e Donramiro.