O metal da Coruña chega ao quinto día de folga cunha proposta da patronal para retomar a negociación

Este xoves día 11 tamén hai paro de 24 horas e manifestación central na Coruña, mentres que o venres haberá reunión co empresariado
A Coruña/Ferrol/Compostela - 10 Xun 2026

Na quinta xornada de folga por un convenio digno, o persoal do metal volveu dar unha lección de dignidade, resistencia e capacidade de mobilización fronte ao bloqueo patronal da negociación colectiva e as súas ameazas. Cun seguimento que medra cada xornada, as traballadoras e traballadores teñen claro que só través da loita conseguirán mover ao empresario da súa inacción e acadar un convenio que mellorar os salarios, combater a precariedade e avanzar nos dereitos.

Neste quinto día de folga -o segundo dos tres días convocados para esta semana- milleiros de persoas traballadoras do sector participaron tanto dos piquetes informativos como nas manifestación que percorreron as rúas de Ferrol dende o estaleiro até o peirao, do polígono do Tambre até o edificio da Xunta en San Caetano en Compostela, e dende o Polígono de Bértoa até a Praza do Concello de Carballo.

Un clamor unánime e multitudinario en demanda dun convenio digno, para exixirlle á patronal que sente negociar, que fixe un calendario de reunións áxil e que poña enriba da mesa propostas reais que permitan pechar un acordo e rematar cun conflito que a propia a patronal decidiu prolongar ao suspender de maneira unilateral as reunións.

Porén, a resposta contundente e a firme decisión de intensificar a loita coa convocatoria de catro xornadas máis de folga para os días 16, 17 e 30 de xuño e 2 de xullo, fixo reaccionar a patronal, que a última hora desta mañá remitía proposta de reunión para o próximo venres, día 12, ás 10:00 horas. Un cambio substancial na hora de inicio, tendo en conta que até agora o empresariado negaba a posibilidade de realizar xuntanzas antes das catro da tarde e impondo un tempo taxado para os encontros até ás 19h. 

A CIG-Industria agarda que a patronal tome nota da firme demostración de forza do sector nestes cinco días de folga e acuda á reunión con auténtica vontade de negociar, traslade propostas “dignas de ser estudiadas” e abandone a estratexia de dilación e ameazas que até o momento imposibilitou calquera achegamento de posturas.

Neste senso, subliña que este é un sector concienciado, organizado e unido “que non resigna e non parará até conseguir un convenio colectivo que recolla as reivindicacións trasladadas pola parte social na súa plataforma”. A CIG-Industria lembra que nos anos 2017 e 2022, o persoal tivo que mobilizarse masivamente durante sete xornadas de folga para acadar convenios xustos e “esa é a lóxica a seguir se a patronal persiste na súa intransixencia”.

Manifestación central na Coruña este xoves

Finalmente, a CIG-Industria anima a intensificar a mobilización durante a xornada de folga de mañá xoves, e incrementar aínda máis a participación na manifestación que sairá ás 12h do entorno de Santa Cristina/Avda. das Mariñas en Oleiros e rematará diante da sede da patronal coruñesa en Monelos, e na que participarán traballadores e traballadoras procedentes de toda a provincia.