O legado estrutural das democracias capitalistas: As promesas rotas dos presidentes de Estados Unidos

James Petras - 19 Dec 2016

Nas democracias capitalistas, os presidentes simulan dirixirse ao “verdadeiro pobo” mentres traballan habilmente a favor dos intereses dos grandes capitalistas e banqueiros. Cando a “democracia capitalista” se ve ameazada e desacreditada, entra en acción a procura de demagogos populistas

 Nos últimos tempos, e probabelmente desde o establecemento do sufraxio universal, os presidentes electos violaron ou romperon sistematicamente as súas promesas ao electorado.

 Este artigo empeza lembrando as promesas do presidente saliente, Barack Obama e do presidente electo, Donald Trump. Logo examinaremos as razóns polas cales a retórica populista e as promesas de paz e democracia que sempre se escoitan nas campañas se abandonan en canto o gañador nomea os membros do seu gabinete, comprometidos con políticas ditadas polas elites, militaristas e autoritarias, moi lonxe das expectativas dos electores.

Obama: Estilo e substancia

 Barack Obama, como todos os demagogos, prometeu aos votantes estadounidenses que poñería fin á ocupación militar de Iraq, pecharía o campo de concentración de Guantánamo, acabaría coa tortura e o segredo, defendería as liberdades civís, protexería os posuidores de hipotecas estafados polos banqueiros de Wall Street, aprobaría unha verdadeira reforma da sanidade e elaboraría un procedemento para que os traballadores inmigrantes indocumentados e as súas familias puidesen acceder á cidadanía.

 Por riba de todo, Obama promoveu a idea de que era “o histórico presidente afroamericano” encargado da tarefa de cumprir as promesas da revolución dos dereitos civís. Obama dirixiuse aos activistas dos dereitos humanos e civís e prometeulles poñer fin á violencia racial e a desigualdade. Prometeu acabar coas violacións das liberdades individuais por parte do Estado.

O “histórico presidente negro”: Unha chea de promesas rotas sen precedente

 Todos os presidentes, en maior ou menor grao, crebaron os seus compromisos electorais. Mais Barack Obama rompeu nos seus dous mandatos máis promesas e de maior calado que calquera dos seus predecesores. A súa administración tiña por costume realizar promesas aos seus seguidores para logo revisalas inmediatamente e dar marcha atrás. Cada unha das súas promesas de reforma social, atención sanitaria e política exterior baseada na diplomacia e o respecto só serviron de preludio á imposición de novas políticas máis regresivas e novas guerras.

 O seu record é evidente: durante os oito anos da súa presidencia, Obama rebaixou as expectativas de todas as circunscricións populares ás que engaiolou e seduciu durante as campañas. Nove de cada dez estadounidenses negros votaron por Obama en ambas as campañas! A pesar do abafador apoio dos afroamericanos, aumentou a desigualdade de ingresos entre traballadores brancos e negros, aumentou a violencia policial letal contra afroamericanos e multiplicáronse os ataques de paramilitares brancos, incluíndo a queima de igrexas afroamericanas. Os afroamericanos acusados de delitos non violentos relacionados coas drogas (traficantes e consumidores) foron encarcerados a un ritmo moito maior que os seus homónimos brancos, mentres as xigantescas elites farmacéuticas e os médicos que prescriben narcóticos que estimulan a adicción aos opiáceos recadaban uns beneficios cada vez maiores con total impunidade.

 Obama continuou ou comezou sete guerras e ducias de operacións violentas clandestinas, superando o seu predecesor, o presidente George Bush fillo. As súas guerras provocaron a maior cifra conxunta de africanos, árabes, asiáticos meridionais e europeos orientais desposuídos, feridos e asasinados da historia mundial.

 Obama transferiu 2 billóns de dólares do Tesouro estadounidense para rescatar dúas ducias de bancos de Wall Street, que a continuación seguiron executando as hipotecas de 3 millóns de vivendas da clase traballadora, en oposición á súa retórica de campaña.

 As principais corporacións multinacionais conseguiron ocultar máis de 2 billóns de dólares de beneficios en paraísos fiscais do estranxeiro. O presidente esbozou nalgunha ocasión unha “crítica retórica edulcorada” contra os evasores de impostos das grandes corporacións mentres seguía fiscalizando aos sobrecargados traballadores, cuxos niveis de vida non paraban de caer.

 Os militaristas corromperon a administración Obama ao completo até un punto non visto desde que os belicistas Harry Truman e Winston Churchill iniciaron cinicamente a Guerra Fría.

 Obama practicou a política de rodear a Rusia de bases militares de EUA e a OTAN asentadas por todas as partes, dos novos satélites bálticos estadounidenses aos Balcáns, do Mediterráneo ao Cáucaso.

 O réxime Obama financiou os golpes de Estado violentos e as iniciativas sanguentas de “cambio de réxime” en Ucraína, Siria, Somalia, Libia, Honduras e Iemen, con resultados devastadores para millóns de persoas desprazadas e destituídas. Ningún outro señor da guerra, pasado ou presente, pode igualar a miseria e o caos sementados polo réxime de Obama.

O don de linguas de Obama

 Obama, sempre camaleónico, falaba con diferentes acentos e cadencias ás diferentes audiencias: aos mozos faláballes na xerga xuvenil, comunicábase coas xente do rap, estrelas do baloncesto e do béisbol e famosos do cine. Coas damas negras que asisten á igrexa, este graduado da elitista academia Panahou e a Escola de Dereito de Harvard, nado e criado en Honolulu, adoptaba un acento baptista do sur, completamente alleo á forma de falar da súa nai e a súa avoa. Cando se dirixía aos sofisticados perruqueiros de cans de Chicago e aos seus seguidores do sector das finanzas, volvía falar cunha seriedade profunda ben modulada.

 A súa linguaxe estaba chea de eufemismos: o famoso pivote cara a Asia supoñía un agresivo e perigoso cerco marítimo e aéreo a China, coa intención de paralizar a maior economía asiática.

 Mentres falaba de protección do ambiente e dereitos dos traballadores, presionaba para lograr o Acordo Transpacífico de libre comercio que outorga ás corporacións multinacionais o poder de devorar os dereitos laborais ou as regulacións ambientais.

 Tamén prometera con ton firme protexer o acceso dos nativos americanos ás súas terras tradicionais, as súas fontes de auga e os seus lugares culturais, comunitarios e relixiosos. Na práctica, protexeu os grandes proxectos de gasodutos e oleodutos que invadiron as terras indíxenas cunha brutal policía militarizada e gardas de seguridade privados, que golpearon e encarceraban os activistas pola xustiza social e ameazaron os xornalistas.

 Obama reforzou os existentes operativos de vixilancia da policía estatal malia que violaban dereitos constitucionais e impuxo unha ampliación do control policial, nomeadamente contra os denunciantes de abusos (wistleblowers). Ao mando dunha das administracións máis herméticas da historia, é o presidente que perseguiu, destruíu e encarcerou máis funcionarios heroicos, polo ‘delito’ de sacar á luz delitos do Estado contra a cidadanía. Fixo ostentación das leis federais que garanten a protección dos devanditos denunciantes mentres aterrorizaba ao sector público, desmoralizando se cadra dos nosos funcionarios.

Donald Trump: Promesas electorais e traizóns postelectorais

 Decidido a superar as promesas rotas do presidente Obama, o presidente electo Trump rapidamente renunciou á súa campaña retórica de “drenar o lamazal” de Washington e abrazou os “acérrimos inimigos” co fervor dunha cortesá experta. Os políticos republicanos tradicionais, empresarios e ocupantes de Wall Street, inicialmente opostos a ‘Donald’, subiron ao carro e lanzáronse aos seus brazos.

 Trump xa rompeu as principais promesas que realizou en campaña aos seus electores. Á vez que anunciaba que non “encarcerará” a Hillary Clinton polas súas actividades relacionadas coa Fundación Clinton cando estaba no poder, gabou o seu valor e integridad. Logo de ser elixido, mesmo foi condescendente co antigo presidente Bill Clinton, o do “escándalo sexual do despacho oval”. Poida que Trump cambie de opinión respecto da corrupción e os delitos dos Clinton, pero a súa masa de seguidores non o fixo.

 Trump gabou publicamente a Hillary Clinton a cambio da súa decisión inicial de non se enfrontar á súa vitoria e “transición” electoral. Con todo, a súa utilización da candidata do Partido Verde Jill Stein para opoñerse a outro reconto electoral e as acusacións da CIA e o Partido demócrata da conspiración Rusia-Trump-FBI para influír na campaña pode forzalo a revisar a súa decisión cando do lamazal parecer xurdir manobras para dar un golpe de Estado de palacio. E continuou cos seus negocios privados, aos que prometeu renunciar, para consternación dos seus leais activistas de base.

 Coa elección dos principais membros do seu gabinete, Trump lanzou sinais contrapostos: rompeu as súas promesas respecto das súas políticas económica, diplomática e exterior ao nomear ou considerar o nomeamento de varios políticos representativos da á republicana máis convencional para ocupar postos importantes, incluíndo un vogal crítico como representante ante a ONU. A á maioritaria dos republicanos desprezaba a masa electoral que apoiaba a Trump. Con todo, Pero tamén se rodeou de conselleiros delegados do sector empresarial máis orientados ao mercado e menos militaristas que os típicos políticos do stablishment demócrata e republicano.

 Tamén mantivo a súa promesa electoral de protexer o comercio e a industria estadounidenses, favorecendo unha política comercial con Rusia e pretendendo negociar acordos de comercio máis vantaxosos co presidente chinés. anunciou o nomeamento do conselleiro delegado de Exxon, Rex Tillerson, como secretario de Estado, unha decisión claramente encamiñada a finalizar as sancións contra Rusia, que pecharían as portas dese enorme mercado ás empresas e os xigantes da enerxía estadounidenses.

 Apelou directamente ás masas claramente partidarias de Israel, prometendo “esnaquizar” o acordo nuclear con Irán, moi impopular entre os xudeus estadounidenses e israelís militantes. Malia dicir que era “o peor acordo da historia de EUA, semellar dar o “visto e prace” aos intereses das grandes compañías de gas e petróleo, encantadas de asinar contratos multimillonarios con Teherán, e ao xigante aeroespacial Boeing para que venda unha nova flota de avións de pasaxeiros a Irán.

 A demagoxia electoral non é só o triste patrimonio de Obama. A creba das promesas é “a tónica dominante” de todos os presidentes demócratas e republicanos. O engano e a linguaxe populista falso son moeda corrente porque é o que esixe a democracia capitalista aos seus representantes políticos.

As bases estruturais da democracia capitalista

 Nas democracias capitalistas, os presidentes simulan dirixirse ao “verdadeiro pobo” mentres traballan habilmente a favor dos intereses dos grandes capitalistas e banqueiros.

 Cando a “democracia capitalista” se ve ameazada e desacreditada, entra en acción a procura de demagogos populistas. Cando os activistas pola paz e a xustiza social organizaban manifestacións masivas contra os bancos lideradas polo movemento ‘Occupy Wall Street’, os banqueiros botaron man do “primeiro presidente negro de EUA” para desviar a indignación dos propietarios de vivendas desafiuzados, enganar os estudantes brancos, tomar o pelo aos votantes latinos, cativar as devotas negras e conducir a todos eles aos brazos corrompidos do partido demócrata.

 Cando a economía obrigou a millóns de persoas a aceptar traballos mal pagos e sen futuro e a diminuír o seu nivel de vida, cando a globalización empobreceu a pequenos e medianos empresarios e comerciantes locais, apareceu en escena un multimillonario falabarato rei dos casinos para ladrar a súa hipócrita retórica populista denunciando á Sra. secretaria Hillary Clinton polos seus lazos carnais con Wall Street. E resultou elixido presidente dos Estados Unidos!

 Noutras palabras, cando o capitalismo entra en crise, os demagogos saen de debaixo das pedras.

 Extravagantes capitalistas demagogos reemprazan os típicos mentiráns transmisores de políticas electorais corruptas. A demagoxia de Obama e de Trump gañou aos discursos aburridos de Hillary Clinton e Mitt Romney. Independentemente do estrafalarias que sexan as súas mentiras, Hillary e Mitt non foron capaces de atrapar a imaxinación dos votantes. As democracias capitalistas fixéronse máis fráxiles cando as crises económicas arraigaron e as recuperacións son breves e débiles. O ascenso crecente de demagogos presidenciais, de Obama a Trump, reflicte o rexeitamento das elites capitalistas a compartir calquera ganancia de produtividade cos traballadores ou a pagar impostos sobre os beneficios que lles reportan as súas empresas no estranxeiro para así aliviar a carga fiscal sobre os asalariados, ou de investir nunha economía produtiva que proporcione emprego a traballadores ben pagos en lugar de participar na especulación.

 A “democracia capitalista” xa non pode enganar os votantes. A metade deles abstéñense dun proceso que non reflicte os seus intereses. E a metade dos votantes reais rexeitan os políticos tradicionais. Para reter unha mínima aparencia de lexitimidade electoral e permitir que os capitalistas continúen o seu goberno, os demagogos teñen que reemprazar os políticos “avariados” que se prostituíron demasiado abertamente e con demasiada frecuencia.

 Máis do 80 por cento dos votantes saben que os seus votos non teñen ningún impacto nas decisións políticas relacionadas coa guerra e a paz, as desigualdades internas e a distribución da renda: os asuntos que realmente importan.

 O capitalismo xa non é capaz de seguir reproducíndose mediante unha maquinaria electoral falsa. Se non for pola predicíbel aparición de novidades, como o “primeiro presidente negro” Obama ou o “famoso presentador” Trump para ocupar a Casa Branca grazas a un voto de protesta masivo, ducias de millóns de abstencionistas e votantes descontentos poderían encher as rúas, deixar de lado os líderes sindicais impostores que “falan” só polo 7 por cento dos asalariados e rexeitar de plano os dous partidos políticos unidos como uña e carne ao servizo da elite do 1 por cento.

Conclusión

 Imaxinemos que os demagogos capitalistas finalmente perden o seu atractivo para as masas por causa das súas repetidas promesas incumplidas. Supoñamos que se produce un regreso temporal aos falabaratos políticos insulsos, responsábeis e cotiáns, cando se esgote este chamado “ciclo de outsiders”. O descontento das masas non desaparecerá. A medida que medren a crise económica e as desigualdades, será inevitábel que se produzan estouridos públicos extra-parlamentarios. Estas explosións instalarán o medo e a incerteza entre os banqueiros, os especuladores e os fabricantes multimillonarios de dispositivos electrónicos. A tan cacarexada “arquitectura de Silicon Valley” derrubarase como castelos de area. Poida que a clase capitalista teña que cambiar as urnas polas balas. Poderán confiar a súa riqueza e a súa estatus nas mans de miles de soldados e policías a quen se lles ordene rodear e disparar a millóns dos seus compatriotas traballadores? Ou xa están soñando con robots...?

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 17 de decembro de 2016]