O IX Congreso da CIG reelixe a Paulo Carril como secretario xeral

No encontro tamén se escolleu a nova Executiva Confederal e a Comisión de Garantías
Nacional - 04 Xun 2025

A CIG celebrou o pasado sábado 24 de maio o seu IX Congreso en Compostela baixo o lema ‘A forza da nosa clase. Traballo. Dereitos. Soberanía’, no que se renovaron a Executiva Confederal e a Comisión de Garantias e se reelixiu a Paulo Carril como secretario xeral con máis do 95% de apoio.

No encontro, ao que estaban convocados máis de 600 congresistas, debatéronse e aprobáronse sen emendas os relatorios de Acción Sindical e de Organización, documentos que recollen as liñas de traballo que han guiar a acción da central nos vindeiros catro anos. 

O secretario xeral aventurou que nos próximos meses vai ser clave a mobilización e o esforzo pola construción de organización social

Os actos do IX Congreso comezaron un día antes co Seminario Internacional, que nesta ocasión se desenvolveu baixo o lema ‘Na defensa da paz, traballo, dereitos e soberanía”. Máis de 30 delegacións internacionais convidadas compartiron experiencias e debateron propostas para combater os desafíos que enfronta a clase traballadora a nivel global. O secretario xeral foi o encargado de clausurar o evento, presentando unhas conclusións que chaman a rachar coa globalización neoliberal e a construír un mundo baseado na xustiza social, na solidariedade e na autodeterminación dos pobos.

Ideas que tamén desenvolveu ao día seguinte durante a súa intervención no peche do IX Congreso, encontro que serviu para poñer a punto o ideario da central sindical e para marcar novas liñas de actuación. Carril salientou o feito de que a CIG afrontase este Congreso como a primeira forza sindical en Galiza, cun 31,05% de representación (5.131 delegadas e delegados) e un crecemento afiliativo histórico, superando as 86.000 persoas afiliadas.

Construír poder popular

Incidiu en que estes resultados demostran a capacidade da clase traballadora galega para organizarse de forma soberana, “sen sermos sucursal nin franquía de ningunha organización con centro de decisión fóra de Galiza”. Subliñou ademais que este foi un Congreso de reafirmación do sindicalismo nacionalista e de clase da CIG, fiel aos principios que guiaron as loitas obreiras desde 1972 e á memoria de Moncho Reboiras, asasinado pola policía franquista hai 50 anos e ao que se lle rendeu homenaxe durante o encontro.

Carril fixo fincapé en que a condición de primeiro sindicato do país “obríganos a achegar máis persoas traballadoras á nosa organización” e a ter máis “atrevemento e decisión” na acción sindical, con propostas concretas na negociación colectiva e nas empresas “para confrontar as múltiples e variadas caras que hoxe ten a precariedade, a pobreza laboral, a explotación da xente nova, para responder ao desemprego, ás desigualdades, á exclusión social, como tamén aos abusos e ao trato inhumano á poboación migrante”.

Por iso aventurou que nos próximos meses vai ser clave a mobilización e o esforzo pola construción de organización social, de poder popular, a través das diferentes loitas ante as agresións que estamos a recibir. “Non temos máis camiño que apostar de forma decidida e convencida polo enorme forza e capacidade que ten a loita social, que é o motor de cambio real de políticas”.

Durante a sesión de clausura tamén houbo tempo para a actuación musical de Pauliña e déuselle un agasallo de despedida pola súa xubilación a Nicolasa Castro,  secretaria confederal das Mulleres, Miguel Malvido, secretario confederal de Relacións Institucionais, e Xosé Lois Rivera, responsábel de Relacións Internacionais, agradecéndoselles a súa entrega e traxectoria sindical.

Composición da nova Executiva Confederal
  1. Paulo S. Carril Vázquez
  2. Susana Méndez Rodríguez
  3. Lucía Freire Ces
  4. Paulo Rubido Bará
  5. Margarida Corral Sánchez
  6. Francisco González Sío
  7. María Xosé Alonso
  8. Antonio Mera de La Fuente
  9. Francisco Xabier Cartelle Pérez
  10. Anxo Noceda Carballo
  11. Renato Núñez Da Silva
  12. Dores Martínez Castelo