O incremento dos contratos de menos dunha semana de duración maquilla as cifras de desemprego

Máis do 90% dos 61.614 contratos contabilizados durante o mes de febreiro foron temporais
Vigo - 02 Mar 2016
O incremento dos contratos que teñen menos dunha semana de duración logrou maquillar os datos de desemprego no mes de febreiro, que rematou cun lixeiro descenso do paro en Galiza: 1179 persoas menos que en xaneiro. Con todo, a principal característica dos postos de traballo que se crean segue a ser a precariedade (máis do 90% dos 61.614 contratos contabilizados durante o mes pasado foron temporais). O número total de parados/as inscritos/as nas oficinas do SEPE é de 235.268, o que supón 73.440 máis con respecto a 2008, o ano de inicio da actual crise económica.

Febreiro adoita ser un mes desigual para o desemprego, xa que ben pode rematar cun aumento dos parados/as rexistrados/as como cun descenso; no caso de Galiza, é o terceiro ano consecutivo no que descende o desemprego neste período, sendo esta baixada do 0,5% nos dous últimos.

Deste xeito, o número total de parados/as inscritos nas oficinas do SEPE sitúase en 235.268, o que significa un descenso de 1179 con respecto a xaneiro. Porén, non hai que esquecer que o noso país conta na actualidade con 73.440 desempregados/as máis con respecto a 2008, o ano de inicio da crise económica.

No conxunto do Estado produciuse un aumento do número de desempregados/as que atinxiu o 0,05%, o que se traduce en 2231 máis. Por comunidades autónomas a evolución foi moi desigual: o maior descenso tivo lugar nas Illes Balears cun 4,35% menos de desempregados/as, mentres que no lado oposto situouse Andalucía, onde o desemprego aumentou un 1,67%.

A nivel sectorial, en Galiza o paro descendeu na industria e na construción, un 2,2% en ámbalas, e medrou no sector servizos un 0,07%. Pola contra, na media estatal descendeu en todos os sectores agás na agricultura.

Asemade, o número de contratos rexistrados neste período acadou a cifra de 61.614, dos que tan só un 9,5% foi inscrito baixo algunha modalidade de contratación indefinida; isto demostra a nula eficacia das axudas á contratación indefinida, o que fai que o mundo do traballa manteña un elevado nivel de precariedade.

Escasa duración e alta rotación dos contratos

A feito de que un número tan elevado de contratos coincida cun descenso tan cativo dos desempregados/as explícase unicamente pola escasa duración e pola alta rotación dos mesmos; na maioría dos casos trátase de contratos con menos dunha semana de duración: son contratos dunhas cantas horas que só serven para maquillar as cifras de desemprego pero que non solventan a situación laboral dos traballadores/as afectados/as.

Dende a secretaría confederal de Emprego e Industria da CIG lembran que estes datos de precariedade non fan máis que medrar, até o punto que o noso país rexistra xa unha porcentaxe moi alta de traballadores/as que cobran menos da metade do Salario Mínimo Interprofesional: máis de 177.000 persoas teñen ingresos que non chegan aos 2000 euros anuais. O seu responsábel, Miguel Malvido, resume a situación lembrando que “ter hoxe un emprego non garante saír da pobreza”.

O panorama complícase aínda máis unha vez que estas persoas perden o se posto de traballo, xa que non teñen dereito a prestación; así, a porcentaxe de desempregados/as que percibe prestación non chega ao 50% (sitúase no 49,3%), e maioritariamente perciben o subsidio, non a prestación contributiva.

No que atinxe á afiliación á Seguridade Social, incrementouse un 0,4 % con respecto ao mes anterior (4653 afiliados/as máis), chegando ás 935.536 persoas de media en febreiro; isto supón un incremento do 1,9% con respecto ao mes anterior.

A pesar da evolución destes indicadores no mes de febreiro, que amosan un leve descenso do desemprego, Malvido incide en que se trata de datos meramente coxunturais que non amosan ningún sinal que permita falar da recuperación da economía e do mercado laboral da que presumen o Goberno central e a Xunta. “Ben ao contrario, as sucesivas reformas laborais afondaron na destrución de emprego e provocaron que os únicos postos de traballo que se crean sexan precarios”, denuncia.

Neste senso, lembra que a CIG orientou este ano a campaña de conmemoración do 10 de Marzo, Día da Clase Traballadora Galega, precisamente a reivindicar que estas reformas laborais regresivas sexan anuladas, ao igual que a das pensións ou a 'lei mordaza'.