O imperialismo fuxindo cara a diante

Fernando Bossi Rojas -

O imperialismo amosa signos evidentes de desesperación. O perigo daquela, para a humanidade toda, é colosal, desmesurado. A irracionalidade do capitalismo e dos países imperialistas como garantes do sistema está levando ao mundo ao beira dunha hecatombe sen precedentes

O soño da hexemonía mundial estadounidense

 A caída do Muro de Berlín creoulle a ilusión ao imperialismo estadounidense de poder controlar novos espazos con facilidade, estendendo a grande escala as fronteiras da súa influencia mundial. Desde esta perspectiva, contaría para a súa expansión co territorio dos 22 millóns de quilómetros cadrados pertencentes á ex Unión Soviética, máis o dos países do Pacto de Varsovia. Significaría para os Estados Unidos algo similar ao que tributou a conquista de América ao imperio español e as potencias europeas nos Século XVI e XVII. Fronte á crise de superprodución capitalista, os horizontes abriríanse para un novo ciclo de reprodución ampliada do capital sen límites definidos.

 É dicir, imaxinaban dominar, sen maiores atrancos, enormes mercados para situar a súa produción; unha gran variedade e dispoñibilidade de recursos naturais ao alcance da man; a posibilidade de concretar un novo ciclo de exportación de capitais; novos clientes para ofrecer empréstitos usureiros; e acceso a forza de traballo barata e cualificada.

 Todas estas eran as oportunidades que aparecían no horizonte próximo e que levaron a pensar nunha revitalización do ciclo do capital, que iría da man coa implantación dunha indiscutíbel hexemonía da superpotencia norteamericana.

 En síntese, debuxábase aquilo que chamaron a “Fin da Historia” e o comezo dun ciclo absolutamente controlado polo Pentágono, as megaempresas e os organismos internacionais paridos por Bretton Woods.

O mundo no século XXI

 Mais o imperialismo -chamado graciosamente a partir daquela “globalización”-, non é o mesmo que o da época de Rhodes, nin tampouco o mesmo que estudou Lenin no seu momento.

 A aquel mundo dividido entre países opresores e países oprimidos, que estudou o gran revolucionario ruso, sumouse actualmente un abano de países soberanos, que non son imperialistas, ou polo menos nesta etapa non presentan trazos para definilos como tales, nin tampouco son países oprimidos. Se nas primeiras décadas do século XX só un pequeno feixe de países podían posuír a condición de seren países soberanos (opresores) e o resto estaren sumidos na simple condición de colonias ou semicolonias, a primeiros do século XXI o panorama é diferente.

 China, sen dúbida, como principal potencia ascendente das últimas décadas é un país soberano -ninguén pode dubidar diso-, aínda que poida resultar difícil de encadrar como país socialista, capitalista ou mixto. E non se pode cualificar a primeira potencia económica mundial como un país imperialista, á vella usanza.

 A Federación Rusa e Irán, por exemplo, son países capitalistas, desenvolvidos industrial e tecnoloxicamente, con plena soberanía política e económica, aos que tampouco podemos encadrar como países imperialistas. Algo similar se pode dicir da India e Sudáfrica.

 Doutra banda, existen países que son netamente soberanos e socialistas, polo tanto categoricamente non imperialistas, como son os casos de Bielorrusia, Cuba, Corea do Norte ou Vietnam, entre outros.

 Tamén existen unha serie de países que alcanzaron a súa independencia política e, a partir dela, avanzan cara á consolidación dunha independencia integral, entre outros podemos mencionar a Venezuela, Bolivia, Alxeria, Angola, Nepal, Nicaragua, Siria…

 De tal xeito, o mundo de hoxe podémolo dividir sistematicamente en tres grandes bloques: 1) os países capitalistas imperialistas, 2) os países capitalistas dependentes ou baixo a órbita dos países imperialistas, e 3) os países soberanos, non imperialistas, xa sexa o seu modelo económico capitalista ou socialista.

Límites da expansión imperialista

 Esta caracterización -moi básica, por certo- axuda a entender a actual etapa de desesperación na que entrou o imperialismo tradicional, nomeadamente o norteamericano, que se evidencia na conduta arrogante pero, asemade, insegura e imprevisíbel do magnate Donald Trump.

 É que sen garantir a fase imperialista, o sistema capitalista colapsa. O soño de controlar o mundo ao seu antollo, a partir da desaparición da Unión Soviética, durou apenas un par de décadas.

 Hoxe, China e Rusia son dous países-continente que non responden aos ditames de ningún país imperialista. A estes países poderosos, non só pola súa dimensión territorial ou poboacional, vánselles sumando novas áreas “liberadas” que comezan a exercer as súas soberanías políticas conforme aos seus propios intereses.

 A realidade é que os países imperialistas perden cada vez máis periferia. E, aínda que aínda sexa importante a área que controlan, esta é cada vez menor. Por iso é polo que comeza a verse con maior definición o xurdimento das contradicións entre os mesmos estados imperialistas. O actual conflito no seo do G-7 é un exemplo diso.

 Neste contexto, o escenario mundial presenta mudanzas de xeito cada vez máis vertixinoso, acentuándose día a día a decadencia do poder imperialista estadounidense, así como do europeo e o xaponés. Estas potencias do capitalismo central, en consecuencia, van acrecentando a súa vocación belicista, pretendendo recuperar pola forza os espazos perdidos, xa sexa aqueles que realmente perderon, ou aqueles que soñaron que estaban ao alcance da man, despois da caída da URSS. Expansión do capital, territorios e soberanías, son tres elementos non obviábeis nunha análise que nos permita comprender a política internacional actual.

Redúcense os espazos de control imperialista

 Se o imperialismo se caracterizou por ter o control de cinco áreas estratéxicas: 1) ciencia e tecnoloxía, 2) recursos naturais, 3) mercados financeiros, 4) medios de comunicación, e 5) industria das armas; hoxe, podemos comprobar que cada unha delas comeza a presentar fendas.

 O control das tecnoloxías punta por parte dos países chamados centrais xa comeza a estar en cuestión. O desenvolvemento científico-tecnolóxico alcanzado por China, Rusia e, en menor medida, a India, cuestiona o tradicional monopolio que exercían os países máis “desenvolvidos”.

 Aínda que as nacións imperialistas seguen saqueando os recursos naturais da periferia, esta acción dificúltaselles cada vez máis, con maiores cuestionamentos e custos políticos. Son moitos os países que souberon defender os seus recursos naturais, como Venezuela, que conta coas maiores reservas certificadas de petróleo do planeta, que defende con dignidade fronte ás crecentes presións imperialistas.

 Igualmente, varios países africanos están discutindo e poñendo couto ao espolio ao que foron sometidos durante séculos. Aínda que os imperialistas lograron destruír a Libia do coronel Khadafi (principal promotor da unidade africana soberana), os mercenarios armados por Francia, Estados Unidos e os Emiratos Árabes, entre outros, non lograron aínda controlar de vez os pozos petroleiros nin o sistema acuífero de pedra arenisca de Nubia, recursos naturais de valor estratéxico e polos que pelexan hoxe os diferentes “señores da guerra” financiados polo imperialismo e outros países aliados.

 Os países do Asia Central, Casaquistán, Kirguizistán, Taxiquistán, Turcomenistán e Uzbequistán cada vez están máis preto de China e Rusia que da influencia occidental imperialista. De feito, agás Turcomenistán, o resto integra a Organización de Cooperación de Xangai. Hai que ter presente que estes países, en maior ou menor medida, están envolvidos na Nova Ruta da Seda deseñada por China. A construción do porto seco de Khorgos en Casaquistán, dá unha idea clara do nivel de investimentos que os chineses están destinando para alcanzar o seu cometido. En consecuencia, é doado entender que os gobernos desa rexión tenten desentenderse cada vez máis da influencia norteamericana e europea, facendo prevalecer os seus intereses nacionais en asociación ao megaproxecto chinés.

 O Cáucaso, actualmente, é unha zona de disputa e de alta conflitividade, onde conflúen intereses que van desde a construción de oleodutos e gasodutos até a diagramación da Nova Ruta da Seda. A “revolución laranxa” de Ucraína deu en debuxar un novo mapa rexional, coa conformación das Repúblicas Populares de Donetsk e Lugansk e a incorporación a Rusia, como suxeito federal, da República de Crimea.

 O recente acordo sobre o estatus xurídico do Mar Caspio entre Rusia, Irán, Acerbaixán, Casaquistán e Tucomenistán, soluciona ou aproxímase á superación dun conflito de vella data, que inclúe, entre outros temas de interese económicos dos países involucrados, o non permitir a presenza militar de países alleos á rexión do Caspio.

 Así mesmo, o intento de derrocar o presidente sirio Bashar al-Asad apelando a mercenarios, primeiro, e á acción directa das forzas armadas imperialistas, non prosperou, desenvolvéndose unha dura batalla en torno á cidade de Idlib, como último bastión das forzas terroristas. Malia a invasión estadounidense a Iraq, o goberno iraquí cada vez inclínase máis a establecer alianzas coa súa veciña Irán, que irradia poder no Medio Oriente, a través do Líbano (Hezbollá) e Iemen. Este último en plena guerra, aínda sen resolver, malia a participación de Arabia Saudita, os Emiratos Árabes e os propios Estados Unidos.

 Sen dúbida que a intervención de Rusia na guerra contra Siria xerou certos desprazamentos nas tradicionais alianzas que mantiñan Estados Unidos e os países imperialistas europeos na rexión, observando que Turquía e Qatar (Irmáns Musulmáns), actores importantes no conflito sirio, parecen tomar certa distancia dos seus tradicionais aliados rexionais e internacionais. O taboleiro no Medio Oriente, polo tanto, está sufrindo mudanzas que non precisamente favorecerían as potencias occidentais.

 Outras zonas en disputa sitúanse no Mar da China, tanto o meridional como o oriental, onde as illas Paracelso, o arrecife de Scarboroung e as illas Spratly no primeiro e as illas de Senkaku, no segundo, provocaron perigosas tensións entre Estados Unidos e China. A Casa Branca entende que non pode perder “presenza” nesa vital vía para o comercio mundial, presionando sobre aos gobernos de Xapón, Taiwán, Vietnam, Malaisia e Filipinas.

 É doado entender, daquela, que cando aparece China na disputa territorial ou con proxectos atractivos en diferentes rexións do planeta, a influencia estadounidense mingua e prodúcese de inmediato unha reacción de advertencia ou presión cara aos gobernos envolvidos por parte de Washington. A construción do porto de Dwadar en Paquistán, con capitais chineses, xa comeza a xerar tensións de diferente índole; o mesmo que o proxecto de construción da canle de Thai ou canle do istmo de Kra, que uniría o mar de Andamán co golfo de Tailandia e permitiría aforrar 1.200 km de navegación respecto da ruta que cruza polo estreito de Malaca.

 Así, a estratexia imperialista parece estar operando en tres grandes frontes: a) os países de fronteiras conformadas por aqueles de Europa oriental lindeiros ou próximos ao territorio ruso (Estonia, Letonia, Ucraína e Polonia) ; b) a fronte de guerra no Medio Oriente, con epicentro en Siria pero de perigosa expansión; c) o conflito multidireccional contra China.

 As tres frontes impoñen un despregamento descomunal de recursos de guerra, intelixencia e contraintelixencia militar, espionaxe, terrorismo e armado, adestramento, traslado e mantemento de poderosos exércitos mercenarios. Tanto o goberno ruso como o iraniano veñen denunciando reiteradamente o traslado con avións estadounidenses de miles de mercenarios yihadistas de territorio sirio cara ao norte de Afganistán, co fin de comezar operacións subversivas en territorio de Taxiquistán, Uzbequistán ou penetrando directamente en territorio chinés a través de relacións con sectores separatistas uigures. Pequín falou en máis dunha ocasión de vínculos entre militantes separatistas uigures e organizacións terroristas como Estado Islámico e Al Qaeda.

 Nestes escenarios, o imperialismo entendeu que fronte a el se levanta a República Popular China como o seu principal inimigo. Proponse romper a alianza chineso-rusa como un punto estratéxico para a súa supervivencia como principal potencia mundial. De aí que cada vez se quente máis a confrontación, tanto no eido comercial e financeiro, como no diplomático e militar.

 No caso do control dos mercados financeiros, a partir do devalar do dólar como patrón monetario internacional, a creba e “rescate” de bancos, e as permanentes crises -que son cada vez de maior magnitude-, ponse en serias dúbidas a arquitectura financeira mundial montada sobre os esquemas de Bretton Woods.

 A Organización para a Cooperación de Xangai, no ámbito da seguridade e a cooperación económica, o Banco Asiático de Investimento en Infraestruturas (BAII) e o Novo Banco de Desenvolvemento (NBD) entre outros, poden ser considerados como un primeiro intento para desenvolver unha estrutura institucional alternativa á orde financeira vixente. O NBD, por exemplo, irrompe desde o BRICS con valores centrais de promoción e defensa do principio da soberanía, oposta á lóxica intervencionista do Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional.

 Referíndonos ao monopolio dos medios de comunicación, non hai dúbida de que o imperialismo manexou esta área con suma dedicación, inxectando fabulosos investimentos. Porén, tamén podemos observar que comezan a xurdir voces diverxentes materializadas en novos medios que foron medrando exponencialmente nos últimos anos. Exemplo disto é a canle RT (Rusia); a Axencia Xinhua (China), HispanTV (Irán), Telesur (Venezuela), entre outras.

 No tocante ao monopolio das armas, a industria bélica en xeral, queda claro que os países imperialistas van sendo alcanzados por outros países que non responden aos seus intereses, mesmo poñendo en cuestión a súa supremacía. O caso de Corea do Norte, pequeno país soberano con arsenal nuclear, puxo a Estados Unidos nunha situación incómoda e mesmo humillante fronte á opinión pública mundial e as fanfurriñadas do presidente Trump.

Un mundo sen imperialismos ou nada

 Aínda que é indiscutíbel o poder que manteñen as potencias imperialistas na actualidade, tamén son observábeis os síntomas palpables da súa decadencia e imposibilidade de expansión.

 Como garantir o incremento da taxa de ganancia se van a menos os espazos de saqueo? Como expandir o capital sen a rapina de recursos naturais e man de obra barata? Como resolver as contradicións internas nos seus propios países sen a espoliación periférica? Como frear a China na súa política de cooperación internacional? Como evitar as mareas inmigratorias aos seus propios países como consecuencia das guerras e as fames provocadas por eles mesmos? Como derrotar potencias militares que impiden a conquista de novas áreas de dominio? Como evitar novas crises financeiras cando aínda non superaron a do 2008?...

 Para manter a actual reprodución do sistema capitalista os países imperialistas necesitarían dominar ao seu antollo o planeta enteiro, retrotraerse a principios do século XX. E iso xa non é posíbel, nin desexábel para a inmensa maioría da poboación mundial.

 O imperialismo amosa signos evidentes de desesperación. O perigo logo, para a humanidade toda, é colosal, desmesurado. A irracionalidade do capitalismo e dos países imperialistas como garantes do sistema, están levando ao mundo á beira dunha hecatombe sen precedentes. De aí a necesidade, cada vez máis imperiosa, de mancomunar esforzos para derrotalo, para acelerar a súa caída. Será isto posíbel a curto ou medio prazo? Difícil resposta, mais se non é a curto ou medio prazo xa non haberá tempo.

 

[Artigo tirado do sitio web Portal Alba, do 2 de outubro de 2018]

Volver