O imperialismo, a globalización e os seus descontentos

Jomo Kwame Sundaram - 13 Mar 2024

O mundo está a ser remodelado constantemente polo imperialismo e cómpre actualizar continuamente a comprensión das súas características. Este poder segue sendo o principal, pero non o único, desafío común ao que nos enfrontamos hoxe en día, especialmente no Sur global. Hoxe, a traxedia de Gaza é a cara máis brutal do imperialismo occidental, histórico e contemporáneo

 O imperialismo segue a dominar o mundo. A globalización está a perder fronte a algunhas das súas antíteses, pero o imperialismo segue gobernando, cada vez máis mediante a lei, aínda que de maneiras cambiantes e mesmo contraditorias. Por iso é polo que estamos a vivir tempos difíciles. Adoita resultar complicado discernir os principais retos aos que nos enfrontamos, xa que parecen ser simplemente demasiados. Ademais, o novo ou o inusual acapara moita máis atención que o que parece habitual.

Poder e imperio

 As nosas historias e culturas son con frecuencia moi diferentes a pesar das nosas experiencias comúns, pero variadas, de dominación estranxeira e mesmo de goberno estranxeiro. Este poder implica diversas combinacións de relacións socioeconómicas e políticas, de gobernanza e mesmo de Estado de dereito. O noso mundo viu imperios e imperialismo durante máis de dous milenios, polo menos desde antes da época en que Xesús viviu en Palestina, quen tivo que enfrontar os sátrapas do imperio romano. Hai medio milenio, cando os conquistadores españois chegaron por primeira vez a Filipinas a través do Pacífico en 1521, o pobo de Mactan, liderado por Lapu-Lapu, ofreceu resistencia aos invasores. Magallães queimara as súas aldeas despois de que os seus habitantes ignorasen as súas exixencias de tributo e se negasen a aceptar o seu deus e o seu rei.

Os imperios evolucionan

 O imperialismo cambiou moito ao longo do tempo e seguirá cambiando. Combinouse co capital de novas formas, así como o fixo cos diversos capitalismos e coas relacións socioeconómicas realmente existentes, sobre todo desde mediados do século XIX. Hai século e medio, polo menos dúas persoas oriúndas de Asia empezaron a criticar e a oporse ao novo imperialismo emerxente. Sayyid Jamaluddin al-Afghani, un pensador e activista afgán, que elaborou unha crítica islámica do imperialismo occidental, foi unha delas. Dadabhai Naoroji, un intelectual, educador, comerciante e político indio que chegou a ser deputado liberal no Parlamento inglés, foi a outra. Ambos analizaron as repercusións do imperialismo nos seus propios idiomas culturais, condenando a inxustiza e a «drenaxe» do excedente económico. Escribiron décadas antes que escritores occidentais radicais como o liberal inglés John A. Hobson e socialdemócratas de principios do século XX como Rudolf Hilferding, Rosa Luxemburg e V. I. 0imperialismo á transformación capitalista en curso.

Contradicións imperiais

 Con todo, a resistencia exitosa ao imperialismo non supera a totalidade das inxustizas existentes e mesmo pode empeorar algunhas. A Guerra de Independencia dos Estados Unidos contra o colonialismo británico fortaleceu os escravistas estadounidenses e os seus intereses comerciais. A partir das trece colonias, os Estados Unidos expandíronse cara ao sur e cara ao oeste, normalmente á conta das comunidades indíxenas, atrasando a inevitábel presión de ir máis aló do continente.

 Anticipada pola Doutrina Monroe a primeiros do século XIX, a expansión estadounidense no exterior desembocou na Guerra hispano-estadounidense, cando este concluía. A expansión imperialista no exterior axudou a resolver determinados problemas ligados á acumulación de capital, pero non todos. A principios do século XX, os imperios austrohúngaro e otomán, ambos invocando a relixión, concluíron a súa parábola histórica coa axuda do nacionalismo ascendente.

 Entrementres, o Congreso de Berlín lograra mitigar as rivalidades imperiais intereuropeas en África. Tres décadas máis tarde, o Tratado de Versalles pretendeu pór fin á chamada Primeira Guerra Mundial, librada principalmente entre potencias imperialistas europeas rivais, pero, como observaron Lenin e Keynes, de formas lixeiramente diferentes, as súas raíces interimperialistas e as condicións impostas polo Tratado de Versalles non fixeron máis que «pospor as premisas da crise», poñendo así a semente da Segunda Guerra Mundial. China contribuíra enormemente ao esforzo da Primeira Guerra Mundial, pero en lugar de lle devolver a península de Shantung, o Tratado de Versalles concedeulla a Xapón despois de que Alemaña se rendese! Esta cesión provocou o resentimento xeneralizado dos chineses cara a Occidente, desencadeando o movemento do Catro de Maio de 1919.

Imperialismo sen colonias

 Consciente de que os intereses coloniais rivais ameazaban o futuro do capitalismo e os intereses imperialistas, o visionario presidente estadounidense Franklin Delano Roosevelt ideou unha nova orde mundial de posguerra, que salvase o imperialismo mediante a descolonización, o cal levou ao nacemento da Organización de Nacións Unidas e das institucións multilaterais conexas, entre elas o Fondo Monetario Internacional e o Banco Internacional de Reconstrución e Desenvolvemento, que se anticiparon en certo xeito o Plan Marshall.

 Na actualidade, ante un capitalismo dividido e máis débil nalgúns aspectos, pero máis forte militarmente, os modos de dominación seguen cambiando con importantes consecuencias. Por exemplo, até o século XXI, non existira un Mando Africano estadounidense explícito (Africom) concibido para protexer o conxunto dos intereses occidentais e non só os europeos. Outro dos «logros» de Barack Obama tras recibir o Premio Nobel da Paz foi derrocar o réxime libio. A pesar de renunciar ao seu programa nuclear a petición de Occidente, o seu líder Muamar Gadafi, xeralmente recoñecido como un actor chave para o estabelecemento da Unión Africana, foi asasinado de modo humillante.

O significado de Gaza

 O mundo está a ser remodelado constantemente polo imperialismo e os países en vías de desenvolvemento deben actualizar continuamente a comprensión das súas características. Este poder segue sendo o principal, pero non o único, desafío común ao que nos enfrontamos hoxe en día, especialmente no Sur global. Hoxe, a traxedia de Gaza é a cara máis brutal do imperialismo occidental, histórico e contemporáneo. Ninguén discute que a incapacidade europea para resolver o seu «problema xudeu» desde o século XIX contribuíu directamente ao Holocausto nazi. E como sinalou o primeiro ministro de Israel David Ben-Gurión: «Se eu fose un dirixente árabe, nunca asinaría un acordo con Israel, o cal entra dentro da normalidade, xa que nos apoderamos do seu país. É certo que Deus nolo prometeu, pero como podería interesarlle esta circunstancia ao pobo árabe? O noso Deus non é o seu. É certo que existiu o antisemitismo, os nazis, Hitler e Auschwitz, pero, foi culpa súa? Só ven unha cousa: viñemos e roubámoslles o seu país. Por que deberían aceptalo?».

 O recoñecemento de Ben-Gurión das implicacións da creación de Israel subliña a lexitimidade da actual resistencia palestina ao colonialismo de colonos, ao fascismo e ao apartheid israelís, especialmente ao seu último e brutal masacre perpetrado en Gaza. O apoio explícito de Occidente á limpeza étnica xenocida de Israel lembra ao mundo que quen reclama lexitimidade moral por ser antes vítima é absolutamente capaz de perpetrar feitos similares, senón peores, contra outros.

 A ocupación israelí de Palestina é unha cruel caricatura e un recordatorio sarcástico da ameaza que supón para a humanidade, especialmente para a que habita no Sur global, o perfil duro do poder imperial, lealmente apoiado polo poder brando do consentimento manufacturado, sexa este dixital ou non.

 

[Artigo tirado do sitio web El Salto, do 6 de marzo de 2023]