O Hospital de Monforte só conta cunha psiquiatra "desbordada" de traballo e hai doentes que levan 10 meses sen atención

Monforte - 03 Out 2023

A CIG-Saúde alerta da grave situación na que se atopa a unidade de saúde mental do Hospital de Monforte. Subliñan que en abril deste ano marchou a psiquiatra de traslado e despois de seis meses a praza aínda non foi cuberta. De xeito que, actualmente, o servizo só conta cunha psiquiatra  cando antes había dúas.

A profesional que queda, ademais de ver os seus e as súas pacientes, ten que atender interconsultas, vías rápidas (suicidios) e outras situacións "co cal a súa xornada laboral se estende até as cinco da tarde".

A situación agrávase porque os e as doentes que debería ver a outra profesional levan entre seis e dez meses sen ser atendidos/as, chegando ao caso de que algunha persoa leva sen cita dende o mes de xaneiro.

A CIG-Saúde advirte que a falta de atención na consulta provoca que estes e estas pacientes non teñan a medicación axustada e descompénsanse. Isto fai que teñan que acudir a urxencias e mesmo que os/as trasladen a Lugo para o seu ingreso na unidade de psiquiatría.

Lembran que previamente en Monforte tamén había unha psiquiatra en drogodependencia, mais agora ninguén se ocupa deste servizo polo os e as pacientes tamén pasaron ao hospital incrementando así a carga de traballo.

Por non fora abondo, a actual psiquiatría tamén leva as cinco residencias de maiores que hai na localidade. A representación da CIG teme que a profesional acabe colapsando pola sobrecarga laboral e as consecuencias que ten para a súa saúde e denuncia as prácticas do SERGAS "que espreme ao máximo os traballadores e traballadoras até que non poden máis e teñen que coller unha baixa". De chegar a este estremo, engaden, "sería o remate para psiquiatría en Monforte".