Hospital da Costa: seguimos sen noticias da consulta de enfermaría oncolóxica

CIG-Saúde lembra que hai xa dous meses que se aprobou no Parlamento a súa creación
Burela - 15 Feb 2017

A CIG-Saúde vén de dirixirse á Xerencia do Hospital da Costa para demandar a inmediata posta en marcha da consulta especializada de enfermaría oncolóxica, cuxa creación foi aprobada hai dous meses no Parlamento de Galiza. Non obstante,  a dirección do centro hospitalario afirma ter un descoñecemento absoluto sobre a creación da consulta e a dotación da praza de enfermaría necesaria, asegurando que non manexan máis información que a publicada no seu día polos medios de comunicación.

Cómpre lembrar que o pasado ano 2016, en data 22 de decembro, o Parlamento de Galiza aprobaba unha proposición non de Lei do Partido Popular para a creación dunha praza de enfermaría no Hospital da Costa e, deste xeito, poñer en marcha a tan necesaria consulta especializada de enfermaría en oncoloxía.

Segundo apuntaba a deputada popular, Encarna Amigo, “a creación da nova consulta especializada de enfermaría oncolóxica permitirá que os doentes e os seus familiares conten cun persoal encargado de explicarlles os coidados que teñen que seguir, os efectos dos tratamentos, as fórmulas para palialos e, en xeral, resolver todas as dúbidas ou calquera cuestión referente á enfermidade”.

Unha vía pouco usual para un goberno que ten maioría absoluta

Dende CIG-Saúde recollíase con estrañeza que un goberno con maioría absoluta e, polo tanto, con capacidade plena para crear cantos servizos sanitarios estime necesarios, utilizase a vía parlamentar para crear no Hospital da Costa unha consulta de Enfermaría Oncolóxica. "Semellaba un acto puramente publicitario, pero non deixaba de ser unha boa nova que A Mariña, a sempre esquecida comarca, por fin fora dotada do tan esperado servizo", apuntan.

Hai que ter en conta que esta comarca está á cola da provincia no referido ás dotacións sanitarias, pois por exemplo, no Hospital de Monforte hai case un ano que contan con esta consulta especializada.

Sen noticias do servizo

A día de hoxe, dous meses despois de coñecer polos  medios de comunicación a decisión do Parlamento de Galiza, "no Hospital da Costa nada se sabe sobre a posta en funcionamento desta consulta", polo que a CIG-Saúde acaba de dirixirse  á Xerencia do Centro Hospitalario para demandar que poña en marcha o funcionamento do servizo. "Porén, a resposta da Xerencia é que non ten máis información que a publicada na prensa, e que nada sabe da creación da consulta e a dotación da praza necesaria".

Diante disto, a CIG-Saúde pregunta ao Goberno da Xunta de Galiza "onde está a consulta especializada de enfermaría oncolóxica e a creación da praza de enfermaría ou se, como todo parece indicar, a iniciativa parlamentar non era máis que acto de propaganda do PP.  Até cando vai ser a comarca da Mariña a última da provincia en dotacións sanitarias?".

A central nacionalista insta a este Goberno a cumprir co mandato parlamentar e a crear coa máxima prontitude a  consulta especializada de enfermaría oncolóxica.