A Mariña segue sen consulta de enfermaría oncolóxica oito meses despois de aprobarse a súa creación

A CIG-Saúde esixe que este servizo se poña a funcionar de inmediato
Burela - 02 Out 2017

O pasado 22 de decembro, o Parlamento de Galiza aprobaba unha proposición non de Lei do Partido Popular para a creación dunha praza de enfermaría no Hospital da Costa e, deste xeito, poñer en marcha a tan necesaria consulta especializada de enfermaría en oncoloxía. A día de hoxe, oito meses despois de coñecer polos medios de comunicación a decisión do Parlamento, "no Hospital da Costa nada se sabe sobre a posta en funcionamento desta consulta".

Diante disto, a CIG-Saúde pregunta ao Goberno da Xunta de Galiza onde está a consulta especializada de enfermaría oncolóxica e a creación da praza de enfermaría "ou se, como todo parece indicar, a iniciativa parlamentar non era máis que acto de propaganda do PP. Até cando vai ser a comarca da Mariña a última da provincia en dotacións sanitarias?". Neste senso, esixe ao delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro "que deixe de mentir e que poñan en funcionamento inmediato este servizo tan necesario para pacientes e familiares".

Acto publicitario

Segundo apuntaba naquel momento a deputada popular, Encarna Amigo, “a creación da nova consulta especializada de enfermaría oncolóxica permitirá que os doentes e os seus familiares conten cun persoal encargado de explicarlles os coidados que teñen que seguir, os efectos dos tratamentos, as fórmulas para palialos e, en xeral, resolver todas as dúbidas ou calquera cuestión referente á enfermidade”.

Dende CIG-Saúde recollíase con estrañeza que un goberno con maioría absoluta e, polo tanto, con capacidade plena para crear cantos servizos sanitarios estime necesarios, utilizase a vía parlamentar para crear no Hospital da Costa unha consulta de Enfermaría Oncolóxica. "Semellaba un acto puramente publicitario, pero non deixaba de ser unha boa nova que A Mariña, a sempre esquecida comarca, por fin fora dotada do tan esperado servizo".

Hai que ter en conta que esta comarca está á cola da provincia no referido ás dotacións sanitarias (Hospital de Monforte, por exemplo, hai máis dun ano que contan con esta consulta especializada). Porén, oito meses despois nada se sabe da posta en marcha deste servizo.