O Grupo Revi de Ourense readmite a un dos dous candidatos da CIG que foran despedidos antes das eleccións sindicais

A federación de Industria agarda que o outro afectado sexa readmitido tamén antes do xuízo
Ourense - 19 Xul 2022

O Grupo Revi de Ourense accedeu finalmente a readmitir a un dos dous candidatos da CIG despedidos nada máis preavisar as eleccións sindicais na empresa Conductores Eléctricos Revi para intentar impedir que a central sindical puidese participar no proceso. Na federación de Industria agardan agora que o outro afectado volva tamén ao seu posto antes de que se celebre o xuízo.

A dirección da compañía con sede na estrada a Castro de Beiro tivo que dar marcha atrás na súa decisión e readmitiu a un dos dous despedidos antes incluso de que se celebrase o xuízo. A CIG-Industria agarda que sucede o mesmo co outro compañeiro, que ademais foi elixido delegado do comité nas eleccións sindicais celebradas recentemente.

Nese proceso a central sindical obtivo 3 delegados/as de 9 (os outros/as 6 foron para a UGT), entre eles o traballador despedido, que puido igualmente concorrer e votar nas eleccións sindicais ao estar incluído no censo. Deste xeito, a CIG conta con 6 representantes de 9 no Grupo Revi, despois de que anteriormente se fixese tamén cos 3 delegados/as de persoal que se escollían na empresa Trefilados Revi

“A represión sindical da empresa e o traballo sindical tiveron o efecto contrario e tres compañeiros decidiron dar o paso e presentarse pola CIG noutra compañía do Grupo, Trefilados Revi, obtendo un resultado histórico tras 62 anos sen representación sindical”, sinala o secretario comarcal da CIG-Industria, Indalecio Gómez, que agora agarda que o outro despedido sexa readmitido tamén antes de que se celebre o xuízo.

A CIG-Industria tiña unha concentración solidaria convocada para a data do xuízo que non se chegou finalmente a producir, optando por celebrar unha asemblea na que os propios empregados afectados explicaron a súa situación e recibiron o apoio dos seus compañeiros/as de federación.