O Goberno recicla o acordo salarial do persoal público e os sindicatos estatais venden os atrasos como unha nova conquista

A CIG denuncia a propaganda arredor dos incrementos de soldo e alerta de que o colectivo perderá 3,5 puntos de poder adquisitivo en Galiza en 2026
Nacional - 21 Out 2026

O anuncio do Goberno central deste martes 20 de outubro a respecto da suba salarial do 4,5% para o persoal público en 2027 ten pouco de novidade e moito de propaganda, tendo en conta que esa porcentaxe xa figuraba no acordo marco 2025-2028 asinado por CCOO, UGT e CSIF, tal e como denuncian dende a Área Pública da CIG ( federacións de Administración, Ensino e Saúde). Para a central sindical, o que agora se presenta como resultado dunha nova reunión é a reiteración dun compromiso adquirido hai case un ano. “Por iso, non entendemos onde está a mellora respecto do que xa asinaran”, sinalan.

“Resulta inaceptábel converter cada anuncio sobre o mesmo acordo nun novo éxito sindical. Primeiro véndese a sinatura; despois, a promesa de aplicala; e, finalmente, preténdese volver celebrar o seu pagamento. Mentres tanto, o persoal continúa agardando por medidas que permitan recuperar o poder adquisitivo perdido”. 

A CIG seguirá denunciando esta propaganda e organizando a mobilización do persoal, porque cumprir o pactado é unha obriga, pagar atrasos non é unha nova conquista e recuperar o poder adquisitivo perdido segue sendo a reivindicación

Esta “operación propagandística” chega ao extremo de presentar un 5 % para 2027 sumando ao 4,5 % dese ano o 0,5 % correspondente a 2026. Ese medio punto, condicionado á evolución do IPC, estaba previsto para o seu pagamento no primeiro trimestre de 2027 con efectos retroactivos. Polo que cobralo máis tarde non cambia o exercicio ao que corresponde nin o converte nunha mellora adicional de 2027.

Para a central sindical, mesturar ambas as porcentaxes para aparentar unha nova conquista é manipular a información. “O persoal cobrará a actualización correspondente a 2027 e unha cantidade pendente de 2026. Os atrasos dun exercicio non poden venderse como un éxito salarial do seguinte”.

En consecuencia, consideran que cómpre poñer as cifras enriba da mesa: a IPC interanual de setembro sitúase no 4,9 % no conxunto do Estado e alcanza o 5,5 % en Galiza; fronte a esta evolución dos prezos, o acordo salarial asinado por CCOO, UGT e CSIF contempla para 2026 unha suba fixa do 1,5 %, á que se engade outro 0,5 % condicionado á evolución do IPC e que se abonará en 2027.

Así, a actualización salarial total correspondente a 2026 sería do 2%. Comparando esta suba coa inflación de setembro, os salarios quedarían 2,9 puntos porcentuais por debaixo da evolución dos prezos no conxunto do Estado. En Galiza, onde o IPC alcanza o 5,5 %, esa diferenza elévase a 3,5 puntos.

O IPC dispara a perda de poder adquisitivo

Os datos son claros: mentres os prezos seguen subindo, os salarios públicos non avanzan ao mesmo ritmo. O persoal perde capacidade de compra e ve como cada vez resulta máis difícil facer fronte aos gastos básicos, especialmente á vivenda, á alimentación e á enerxía.

“Esta é a realidade que se agocha detrás da propaganda do Goberno e dos sindicatos asinantes. Non abonda con anunciar porcentaxes nin con presentar como unha conquista o pagamento de cantidades xa pactadas. O que cómpre é garantir que os salarios evolucionen, cando menos, ao mesmo ritmo que o custo da vida”.

Ademais, unha porcentaxe illada para 2027 non resolve a perda salarial acumulada. Para falar de recuperación cómpre comparar a evolución dos salarios coa dos prezos durante todo o período e establecer compensacións polo perdido. “Destacar o ano coa maior suba do acordo permite fabricar un titular, pero non demostra que o persoal recupere capacidade de compra”.

En consecuencia, a Área Pública da CIG insta a CCOO, UGT e CSIF a explicar que mellora concreta incorpora este anuncio. “Presentar a reiteración do pactado como unha conquista serve para defender a súa sinatura e facilitar propaganda ao Goberno, pero deixa sen resposta a reivindicación de recuperar salarios e dereitos”.

A central sindical esixe que os compromisos retributivos se materialicen e se cobren nos prazos correspondentes. “Mais a nosa reivindicación vai máis alá: unha cláusula de revisión que cubra integramente o IPC, a recuperación da perda de poder adquisitivo acumulada e a restitución das contías recortadas nas pagas extraordinarias”.

Finalmente, insisten en que o chamado diálogo social debe medirse polas melloras que chegan ás nóminas e pola recuperación efectiva de dereitos. “A CIG seguirá denunciando esta propaganda e organizando a mobilización do persoal, porque cumprir o pactado é unha obriga, pagar atrasos non é unha nova conquista e recuperar o poder adquisitivo perdido segue sendo a reivindicación”.