O Goberno español atrásalle a idade de xubilación a miles de mariñeiros da flota conxeladora galega
Milleiros de mariñeiros da flota conxeladora galega verán atrasada a súa idade de xubilación despois de que o Goberno español decidise que non se lle pode aplicar o máximo coeficiente redutor aos tripulantes de palangreiros e arrastreiros. Dende a FGAMT-CIG anuncian que convocarán asembleas para abordar unha problemática que cualifican como o maior recorte de dereitos sociais da historia da pesca do noso país.
A decisión de non aplicarlle o maior coeficiente redutor da idade de xubilación aos mariñeiros que faenaban en palangreiros-conxeladores e arrastreiros-conxeladores figura nunha circular interna do Instituto Social da Mariña (ISM) á que tivo acceso a CIG. O secretario comarcal da FGAMT, Xabier Aboi, compareceu hoxe en rolda de prensa para denunciar publicamente o que considera “o maior roubo de dereitos sociais da historia da pesca galega” e anunciar que nos vindeiros días convocarán novas asembleas para abordar esta problemática. No caso de que o Goberno español continúe sen atopar unha solución optarán por levar a cabo mobilizacións nas principais zonas afectadas, como son Marín, Vigo, Ribeira, A Guarda e A Mariña.
Segundo explicou Aboi, o conflito remóntase a hai case tres anos, cando detectan que a moitos mariñeiros lles faltan anos de cotización para poder xubilarse. “Entón descubrimos que a dirección xeral da Mariña Mercante modificara os coeficientes redutores da idade de xubilación, que é un dereito social que teñen os mariñeiros/as e outras persoas con profesións especialmente duras ou de risco como mineiros ou policías e que lles permite adiantar a idade de xubilación”.
A partir de aquí inician un inteso traballo de xestións, reclamacións e xuntanzas que remata cando Mariña Mercante e Capitanía Marítima solicítaNlle aos armadores documentación para certificar a clasificación dos barcos como conxeladores, como único xeito de que se lles poida aplicar a máximo coeficiente redutor. “Pero neste mes de xullo comezamos a recibir noticias de que o ISM continúa a manter os mesmos coeficientes que aplicaban a pesar de demostrarse que os barcos son conxeladores; e en setembro descubrimos unha circular interna asinada polo director xeral do ISM na que se lle dá rango de lei ao maior roubo de dereitos sociais dos mariñeiros galegos”.
Recortar dereitos de xubilación
E isto é así porque nesta circular establécese que non se lles poderá aplicar o máximo coeficiente redutor (0,40) aos tripulantes de buques clasificados nas subclases palangreiro-conxelador e arrastreiro-conxelador e que o cálculo farase en función da arte de pesca que practiquen e das toneladas de rexistro bruto das embarcacións. “Trátase da primeira vez que aplican este criterios, o que é un claro intento por recortar os dereitos de xubilación dos mariñeiros/as”.
Diante disto, dende a FGAMT-CIG pregúntanse cal é a flota conxeladora que queda á que se lle pode aplicar o máximo coeficiente redutor e quenes son os responsábeis de fixar estes criterios. “Está a preparar o PP máis recortes a estas flotas con este novo concepto de arrastreiro conxelador?”. Outras das cuestións que trasladan ten que ver co tratamento desta problemática no Parlamento galego: “que dirán agora os deputados/as do PP e da Marea que culpaban a Bruxelas desta situación e que pedían que todo seguise igual até que non houbese unha normativa europea?”.
Diante disto, solicitan unha xuntanza urxente de todas as partes implicadas -incluíndo as patronais do sector- para clarificar de xeito inmediato a situación e para que lles sexan restituídos os dereitos ás persoas afectadas. “Non pode ser que este coeficientes supoñan unha discriminación, senón como se entende que un barco de 120 e 300 toneladas, un palangreiro-conxelador que faena no Atántico norte, Atántico sur, Índico ou Pácífico teña o mesmo coeficiente que un atuneiro que faena en Mauritania ou un barco do ISM que saen ao mar seis meses ao ano e está a catro días do porto base”.