O Goberno de Mugardos ordena desaloxar a asemblea de traballadores/as

O comité chama a todo o persoal a participar na manifestación deste xoves día 25

Mugardos -

O conflito laboral aberto no Concello de Mugardos pola negativa do Goberno local a acatar o laudo arbitrar e proceder á sinatura do convenio colectivo, recruou no día de onte cun novo "ataque á liberdade sindical" por parte do Executivo local, ao ordenar o desaloxo do salón de plenos no que se celebraba unha asemblea de traballadores/as para avaliar a situación das negociacións. A pesar do desaloxo, a xuntanza do persoal continuou na rúa.

Esta asemblea, convocada polo comité, precedía á xuntanza á que a alcaldesa convocara de xeito nominal a todos os traballadores e traballadoras para abordar a situación que se está a dar no Concello. "Pero acudimos con estupefacción a un novo episodio deste esperpento e a unha mostra de autoritarismo, propio de séculos pasados, onde a alcaldesa culpou os e as representantes sindicais da súa inoperancia en materia laboral e despois de 6 minutos escasos de charla, deu por rematada a reunión impedindo preguntas e que se puidera abrir un debate", lamentan dende o comité.

Diante desta actuación, a representación social advirte que continuará co calendario de mobilizacións "para conseguir que se respecten os dereitos laborais e sindicais en Mugardos", e chaman a todos os traballadores e traballadoras a participar na manifestación deste xoves, 25 de outubro, ás 12 horas, con saída na Casa do Concello.

Volver