O éxito do primeiro día de folga no sector dos produtos elaborados do mar logra sentar a patronal

O comité de folga apraza as dúas xornadas programadas para 24 e 25 de outubro, que retomaría os días 30 e 31 se non hai avances
Vigo - 23 Out 2018

A folga unánime protagonizada onte polas mulleres do sector dos produtos elaborados do mar motivou o cambio de actitude da patronal, que sentará de novo na mesa tras a ruptura do diálogo o pasado 24 de setembro durante as negociacións do convenio estatal. Con este motivo, e despois dos compromisos adquiridos hoxe en Vigo nunha reunión entre ambas partes a iniciativa do Consello Galego de Relacións Laborais, aprázanse as dúas xornadas de folga convocadas para esta semana (24 e 25 de outubro). O comité de folga, pola súa parte, desprazarase a Madrid os vindeiros xoves 25 e luns 29, agardando obter avances no tocante ás reivindicacións do sector. En caso contrario, anuncian que retomarían os paros de 24 horas o próximo martes 30 e mércores 31.

CIG-Mar valorou a folga decorrida este luns 22 como un “éxito total”, cun protagonismo total das mulleres, que desde primeiras horas da madrugada lograron paralizar por completo a industria galega dos conxelados. Segundo a federación, a patronal debería tomar boa nota ante a vontade unánime de loita demostrada, xa que coa súa actitude provocou unha folga que, alén da reivindicación salarial, se centra na inclusión de dereitos básicos no convenio estatal. 

A folga retomaríase os vindeiros martes 30 e mércores 31 se non houbese avances nas negociacións

Foi unha xornada de folga histórica porque non se cinxiu, tal e como algúns querían, á reclamación salarial, se non que foi unha folga por dereitos, principalmente das mulleres”. Así o afirmou Xabier Aboi, da CIG-Mar, que salientou que o seguimento foi total en industrias da provincia de Pontevedra como Fandicosta, Numarsi, Mascato, Pereira ou Cabomar, cunha “resposta magnífica” por parte do persoal.

Lembran que o convenio estatal, expirado en 2015, é dos máis precarios de todo o ámbito da alimentación, cunha perda importante de poder adquisitivo nestes últimos anos. Neste sentido, reivindican, entre outras demandas, que a finais de 2020 o salario máis baixo poida acadar os 14.000 euros.

Esixen, tamén, limitar o masivo traballo temporal e evitar a implantación de novas fórmulas abusivas como empresas multiservizos ou falsas cooperativas. Alén diso, reivindican pluses de refrixeración, dadas as condicións de frío e humidade no que decorre o traballo.

Non obstante, e nun sector onde as mulleres representan entre o 75% e o 85% do total dos cadros de persoal, cobra maior relevancia a loita por dereitos tan básicos como conciliación, reducións de xornada, licenzas, permisos retribuídos para poder levar as crianzas ao centro de saúde, etc.

As mulleres plantaron cara a unha patronal e uns gobernos que pretenden que continúen a ser carne de canón e man de obra barata polo grande sacrificio que fan”, sostén a federación, á vez que recomenda ao empresariado, agora que se decidiu a volver á mesa, unha “fonda rectificación” que supoña aceptar as reivindicacións dun sector “que espertou e petou na mesa”.

Responsabilizan, tamén, á Xunta de Galiza, á que acusan de complicidade coa patronal por non se ter implicado nunha problemática “que vén de lonxe”.

A folga retomaríase os vindeiros martes 30 e mércores 31 se non houbese avances nas negociacións, cunha alta expectativa, dado o caso, de repetir o éxito da primeira xornada, segundo a CIG-Mar.

A CIG-Mar reivindica un convenio galego

A federación continúa a reivindicar, pola súa banda, a necesidade estratéxica de contarmos cun convenio galego “que podería traer moitos beneficios” ao persoal dos elaborados do mar. Enfatiza, ademais, o “enorme prexuízo” de negociar en Madrid un convenio estatal que afecta unha actividade cun peso do 75% en Galiza e cuxa patronal maioritaria ten a sede en Vigo.