“O ERE de General Dynamics foi un auténtico despropósito dende o principio até o final"

O Tribunal Supremo desestima o recurso de casación da CIG
A Coruña - 02 Xun 2017

Este xoves coñecíase a sentencia do Tribunal Supremo sobre o recurso de casación, presentado pola CIG solicitando a nulidade do ERE de extinción aplicado por General Dynamics na fábrica de armas da Coruña e que supuxo o despedimento da totalidade do cadro de persoal e o peche das instalacións de Palavea. No recurso demandábase polo tanto, a readmisión dos/as 172 traballadores/as despedidos/as. Porén, o Tribunal Supremo desestimou o recurso presentado pola CIG.

O ERE xa fora denunciado ante a Audiencia Nacional, pola CIG en primeira instancia, e despois pola CGT e o Comité da fábrica da Coruña. A sentenza da Audiencia resultou desfavorábel, mais recoñecía que había motivos suficientes (recollidos na demanda da central nacionalista) para declarar nulo o ERE.

No recurso de casación, desde a CIG solicitábase que se declarara a nulidade do despedimento colectivo, “xa que entendíamos que este non estaba axustado a dereito e carecía de xustificacións económicas, organizativas ou de produción que avalaran tal medida. Ademais, a documentación achegada pola empresa non estaba completa, nin se puido contrastar con datos independentes e nin sequera cumpriu os requirimentos formais marcados pola lexislación actual”, explican dende a antiga sección sindical da CIG na fábrica de armas.

De tal xeito, engaden, non houbo maneira de verificar os datos achegados na documentación, “máis alá do que a empresa afirmaba nin do que se presentou, no informe preparado para a ocasión por unha consultora”.

Fronte á falta de xustificacións probadas, que avalaran a necesidade de pechar a fábrica da Coruña, e a falta de datos contrastados que permitiran valorar as supostas perdas que xeraba esta planta ou que estas serían saneadas co despedimento de todos os seus traballadores/as, “dende a CIG reiteramos unha vez máis que este ERE foi un auténtico despropósito dende o principio até o final”, denuncian.

“No caso da fábrica da Coruña foi na única na que propuxeron o peche e utilizaron unhas contas totalmente manipuladas, porque foi unha decisión tomada previamente á presentación do ERE. Ao mesmo tempo, rexeitamos que se siga diferenciando aos traballadores e traballadoras entre baixas forzosas e voluntarias, xa que aquí non houbo ningún voluntario/a. A proposta desde o inicio do ERE até a decisión final para a fábrica da Coruña foi o peche, non houbo outra, e falar de voluntariedade aquí é totalmente absurdo”, aseveran.