O ensino público galego convoca outra xornada de paro o 28 de abril

Nacional - 24 Mar 2026

O 28 de abril, o profesorado de todas as etapas e corpos do ensino público galego está chamado a secundar unha nova xornada de folga para reclamar a recuperación dos dereitos roubados e a adecuación das condicións de traballo ao contexto social e educativo actual.

O día da folga haberá manifestación nacional en Compostela, con saída ás 12h da Alameda; e na semana seguinte, ademais, realizaranse mobilizacións deslocalizadas nas que está chamada a participar toda a comunidade educativa. 

O día da folga haberá manifestación nacional en Compostela, con saída ás 12:00 horas da Alameda

“Estamos nunha loita de longo percorrido na que o futuro do ensino público e a defensa do profesorado se ten colocado no centro do debate. Durante este curso convocamos cinco xornadas de folga que estiveron acompañadas doutras accións como peches en centros educativos e manifestacións en numerosas cidades e vilas do país”, salientou Laura Arroxo.

A secretaria nacional da CIG-Ensino explicou que o sindicato promove este novo calendario de mobilizacións xunto con STEG e as Asembleas Abertas do Ensino Público, para demandarlle á Consellaría “que sente negociar sen impoñer condicións nin sinaturas de cheques en branco, xa que o mal chamado Acordo de Melloras non convence á maioría do profesorado galego”.

Sen melloras

A situación, denuncia Arroxo, non ten mellorado nin un ápice durante este curso, malia os anuncios do conselleiro Román Rodríguez e as súas manobras desmobilizadoras. As reivindicacións seguen a pasar pola recuperación dos dereitos perdidos coa escusa da crise,  nomeadamente as sesións lectivas máximas e a redución das rateos de alumnado por grupo.

Reclámase tamén o dereito do profesorado substituto a cobrar os meses do verán cando traballan máis de cinco meses e medio; incrementar o profesorado especialista que permita unha maior atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, e a actualización dos catálogos dos centros de infantil e primaria, que datan do ano 2007. “Todas estas cuestións pasan polo compromiso firme de contratación de máis profesorado en todas as etapas educativas e especialidades”, aseverou Arroxo.