Ensino público galego: os recortes orzamentarios na etapa Feijoo acadan xa os 1.943 millóns de euros

A Área Pública da CIG ten convocada para este xoves unha concentración diante do Parlamento ás 12:00 horas
Nacional - 24 Xan 2017

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, denunciou esta mañá en rolda de prensa a “involución” que padeceu un dereito fundamental como é o ensino público desde a chegada de Núñez Feijoo á presidencia da Xunta, cuns recortes orzamentarios acumulados de, nin máis nin menos, 1.943 millóns de euros que van continuar nos orzamentos actuais e que para a CIG-Ensino “acrecentan a desigualdade, a privatización e a segregación”.

Louzao fixo un pormenorizado percorrido polas distintas partidas orzamentarias para concluír que non garanten un ensino de calidade;  imposibilitan unha adecuada atención á diversidade e ás necesidades educativas especiais; non restitúen ningún dos dereitos arrebatados ao profesorado nin os salarios nin as pagas extra completas; non recuperan os postos de traballo suprimidos e impiden a posibilidade de garantir o ensino público e, xa que logo, a igualdade de oportunidades.

Para o secretario nacional da CIG-Ensino, todos estes recortes “constatan que a educación segue sen ser unha prioridade para o Partido Popular”, que persiste no “deterioro e desmantelamento” do ensino público.

De feito asegurou que isto é o que tira das cifras. A Consellaría de Educación conta para 2017 cun orzamento de 213 millóns de euros menos que en 2009 (o 8,92% menos) e, mentres o groso dos orzamentos da Xunta medraron respecto do ano pasado nun 5,1%, os referidos a Educación só se incrementaron no 2,86%.

Ademais, segundo Louzao, os orzamentos da Consellaría de Educación decreceron en relación ao que medraran en 2016 e cada ano perden máis peso en relación aos da Xunta de Galiza. “Representaban o 27% do total en 2009 e agora só representan o 21,3%, polo que perderon case 6 puntos”. Isto implica ademais que a Consellaría de Educación sexa a terceira que menos medra.

Incremento para o ensino privado

Xunto a isto, o secretario nacional da CIG-Ensino chamou a atención sobre o feito de que mentres os orzamentos da Consellaría de Educación só medraron o 2,86% as subvencións ao ensino privado (Capítulo IV) incrementáronse no 6,05%, chegando case aos 274 millóns de euros.

A este respecto, apuntou que os concertos educativos, incluídos os centros que segregan alumnado por razón de xénero, pasaron de 243 millóns de euros en 2016 a 246,2 millóns para este ano que se distribúen en: educación infantil, 38,5 millóns (+5%); primaria, 192 millóns (+6,6%); formación profesional, 18,7 millóns (+16,7%) e educación especial, 12,2 millóns (+7,3%).

“Desde o ano 2009 as cantidades dos concertos incrementáronse no 69%, mentres que os da Consellaría só medraron o 48%, un 21% menos”, denunciou.

Menos profesorado e peor pagado

Polo que respecta ao orzamento destinado ao capítulo de persoal (Cap.I), que supón o 59% do total do da Consellaría, Louzao denunciou que “continúan reducíndonos os salarios e as pagas extras”. Así lembrou que o salario do profesorado se recortou desde o 2010 nun 18.5%, cunha perda acumulada que vai desde 24.000 a 42.000 euros, en función dos salarios das distintas categorías.

Xunto a isto denunciou que aínda que a oferta de emprego público non se coñece, o certo é que só hai un incremento de 109 profesores/as (30.098), pese a que no ano 2016 se xubilaron un total de 861 docentes. E isto ocorre malia o 21% dos cadros de persoal dos centros de ensino ser provisional e a supresión de miles de profesoras e profesores desde o ano 2010.

O secretario nacional da CIG-Ensino denunciou tamén que os orzamentos non van corrixir a porcentaxe do profesorado que ten que impartir afíns e que o profesorado substituto continuará sen cobrar os meses de verán. Tampouco permiten resolver o problema da falta de persoal administrativo e outros perfís  profesionais, o que obrigará o profesorado a continuar asumindo tarefas burocráticas e administrativas, vixiando o transporte e encargándose do comedor.

“Raquítico” incremento en bens correntes 

Respecto ao Capítulo II, gastos en bens correntes e servizos, Louzao sinalou que se destinan un total de 212 millóns, cun incremento de só o 1,34 %.

Dentro deste capítulo, o orzamento en comedoresmantense en 28,8 millónse non se emprende a xestión directa e a expansión a todos os centros e odestinado atransporte escolar, 120,2 millóns, increméntase un 1%.

Canto ao gasto en funcionamento dos centros, para educación infantil, primaria e ESO destínanse 12,6millóns, cun incremento de tan só o 1,7% , o 2% menos que no 2016. Un incremento similar ao dos gastos en funcionamento dos centros de educación secundaria e FP que soben outro 1,7%, chegando aos 38,8 millóns. Un 1,5% menos que no 2016.

O 0,065% dos orzamentos para fomento da lingua galega

O secretario nacional da CIG-Ensino denunciou contundentemente os orzamentos destinados ao fomento da lingua galega, que só se incrementan en 59.000€ respecto de 2016, chegando aos 6.819.086€. “Os orzamentos destinados a fomento da nosa lingua representan unicamente o 0,065% do total dos orzamentos da Xunta de Galiza e decreceron nun 66% desde 2009, pasando dos 21,8 millóns en 2009 aos 6,8 millóns este ano, é dicir, 15 millóns de euros menos”.

A todo isto, Louzao engadiu que para a prevención e abandono escolar só se destinan 19.5 millóns epara a formación do profesorado 2.2 millóns. Aproximadamente o 40% do alumnado non terá dereito aos libros gratuítos; escatiman o apoio á lectura e, de feito, para atención de bibliotecas órzanse unicamente 123.140€; para o programa de fomento da lectura, 236.060€; para fondos de biblioteca escolar: 322.000€ e para equipamentos: 200.000€. No entanto, concluíu, “contrasta a achega de  257.294 mil euros á Fundación Camilo José Cela, mentres o Museo do Pobo Galego só recibe 201.800 €”.